Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

Presentación de “A foresta e as árbores” no CGAI

Centro Galego de Artes da Imaxe, A Coruña

O Grupo de Estudos Audiovisuais presenta a súa última publicación, A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galega (2), o 20 de setembro no Centro Galego de Artes da Imaxe – CGAI (A Coruña). O acto, que dará comezo ás 20:30 horas, contará coa participación de Margarita Ledo Andión, coordinadora do volume, Francisco Castro, director de Galaxia e José Luis Castro de Paz, autor do capítulo «Filmar as Pulsións».

O volume continúa o estudo iniciado en Marcas na Paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega (I), vencellados ambos ao proxecto de I+D+i “EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un Programa Europeo de Subtitulado en Linguas Non Hexemónicas”. Editado baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión, catedrática en Comunicación Audiovisual, o libro constrúe, desde a ollada das oito investigadoras que participan nel, un itinerario temático co que adentrármonos no cinema galego máis actual.

«Outra volta a distinción dos capítulos vai cara a aspectos que pasan polo corpo, polos sentidos, polas marxes, e ten a ver coas propostas que os e as cineastas desenvolveron nas súas obras, obras de ficción por veces, documentais ou en pasaxe entre un e outro territorio as máis. Filmar o dó, filmar o velado, filmar o traballo, filmar a ollada, filmar a pantasma, filmar a tribo, filmar as pulsións canda o fóra de campo son as estacións que amplían esta viaxe que quereriamos longa e frutífera».

«Prefacio». Margarita Ledo Andión

De tal xeito, a mostra de filmes analizados, reflexo da diversidade na cinematografía galega das últimas décadas, avanza desde o dó por un mundo que esmorece ao velado —aquilo do que non se fala— na nosa historia; desde o desexo e as súas derivas á necesidade de filmar o íntimo e a nós mesmas. Trátase, pois, dunha obra fundamental para entendérmonos o propio cinema, permitíndonos ver a foresta que se agocha entre a fértil e plural frondosidade das árbores.

Título do curso: Presentación de "A foresta e as árbores" no CGAIDescrición: Centro Galego de Artes da Imaxe, A CoruñaDatas: 20/09/2019 - 20/09/2019Lugar: Centro Galego de Artes da Imaxes (CGAI), A Coruña
20/09/2019Centro Galego de Artes da Imaxes (CGAI), A Coruña
Descargas
Mediateca
© 2024 Estudos Audiovisuais