Publicacións
Descubre as publicacións do Grupo de Estudos Audiovisuais

Filmar a tribo

Filmar a tribo, filmar o íntimo no cinema galego contemporáneo

Neste capítulo Marta Pérez Pereiro lévanos a explorar filmes que conforman retratos da tribo, «ben sexa dende o foco da historia persoal ou dende un grande angular que capture a vida de personaxes que poden dalgún xeito representar a unha colectividade maior».

Baixo a epígrafe «Ficcións necesarias», termo desenvolvido por Michelle Citron para se referir aos filmes domésticos, encadra Pérez Pereiro títulos como Bs. As. (Alberte Pagán, 2006), Vikingland (Xurxo Chirro, 2011), Verengo (Víctor Hugo Seoane, 2015), Eco (Xacio Baño, 2015) ou Ser e voltar (Xacio Baño, 2014), que «recuperan pegadas do familiar ou presentan aos propios parentes en imaxes e, por presenza ou ausencia, amosan ese fogar latente, desexado e ao tempo observado dende a distancia que crea estar por detrás da cámara». Doutra volta, estas «ficcións necesarias» constrúense arredor do diálogo entre mulleres, entre fillas e nais, que con grandes diferenzas formais e argumentais aparece nas curtametraxes Cando mamá pechou as caixas (Arancha Brandón, 2018) e en Tódalas mulleres que coñezo (Xiana do Teixeiro, 2018). Sobre esta última, Pérez Pereiro destaca como a conversa e a superposición de voces entre mulleres de diferentes xeracións constrúe un texto «didáctico e artístico a partes iguais» que aborda unha cuestión «tan espiñenta como a do medo que sentimos as mulleres pola rúa, en grupo ou soas, a calquera hora do día» e revela a «posibilidade de construírmos novas comunidades, tribos de elección, como a que compoñen todas as mulleres que participan do debate coa autora».

En «A vida dos outros» Pérez Pereiro reúne pezas nas que os autores e autoras mostran en imaxes familias, colectivos ou comunidades que non son a propia e singulariza «polo coidado á comunidade de pertenza» as curtas producidas ao abeiro do Chanfaina Lab, proposta de creación audiovisual colectiva desenvolvida dentro do proxecto Fálame de San Sadurniño.

«As ideas do comunitario, do familiar e, sobre todo, da memoria colectiva aparecen en varias destas pezas breves, nas que a muller e a súa experiencia teñen un especial protagonismo. Este é o caso de títulos como Cruz Piñón (Xisela Franco, 2015), Homes (Diana Toucedo, 2016), Pois iso, que te quero (Beatriz del Monte, 2017) e Nós mesmas (Ana Pontón, 2018)».

Mención especial merece para a autora a proposta de Teño unha horta en San Sadurniño, na que un grupo de mulleres se converte «en produtoras de imaxes arredor do traballo nas súas hortas».

«O caso singular deste proxecto presenta o camiño inverso á produción fílmica que vimos ata agora, feita por profesionais: en lugar de recrear unha comunidade xa existente, Teño unha horta xera unha nova tribo dende o propio proceso de creación de imaxes».

Autor/a: Marta Pérez Pereiro Ano: 2019Titulo: Filmar a tribo Categoría: Capítulo de libro Título revista/libro: A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galegaVolume: 2Páxina inicial: 197Páxina final: 221Cidade: VigoPaís: Galicia (España)Editorial: GalaxiaISBN: 978-84-9151-335-3
INVESTIGACIÓN / MARCO VINCULADO
EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un Programa Europeo de Subtitulado en Linguas Non Hexemónicas FEDER/Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades – Agencia Estatal de Investigación/ ref. CSO2016-76014-R
Entidade financiadora: FEDER/Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades – Agencia Estatal de Investigación/ ref. CSO2016-76014-RData de inicio: 30/12/2016Data de fin: 30/12/2019I.P.: Margarita Ledo Andión y Enrique Castelló MayoInvestigadores participantes: Margarita Ledo Andión Marta Pérez Pereiro Andrés Fraga Pérez José Luis Castro de Paz Enrique Castelló Mayo Antía López Gómez Fernando Redondo Neira , Xose Henrique Monteagudo Romero (USC), Carlos Pío del Oro Sáez (USC), Silvia Roca Baamonde (USC), Miren Manias Muñoz (UPV), Pablo Romero Fresco (Uvigo), María Soliña Barreiro González (ESUPT-UPF), Francisco Javier Azpillaga Goenaga (UPV-EHU), María José Deogracias (UPV-EHU), Beatriz Zabalondo Loidi (UPV-EHU), Judith Clares Gavilán (UOC), Jaques Guyot (Universitè Paris 8), Steve Blandford (University of South Wales), Ruth McElroy (University of South Wales), Pietari Kääpa (University of Stirling) Entidades participantes: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Euskal Herriko Unibertsitatea, Escola Universitária Politécnica Mataró-UPF, Universitat Oberta de Catalunya, Universitè Paris 8, University of South Wales, University of Stirling
Xeorreferenciamos a situación do subtitulado europeo en linguas non hexemónicas a través dunha cartografía comparativa de políticas públicas e prácticas sectoriais, da taxonomización das principais barreiras e/ou motivaciónz na accesibilidade ao cine VOS, da singularización de aquelas experiencias máis innovadoras a nivel tecnolóxico ou creativo que, atendendo á calidade dos subtítulos e á súa integración na obra cinematográfica, permitan usufructuar as apropiacións ao deseño universal aplicado á accesibilidade mediática, ao subtitulado parcial de O’Sullivan e ao subtitulado creativo.
Seguir lendo
EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un Programa Europeo de Subtitulado en Linguas Non Hexemónicas
© 2024 Estudos Audiovisuais