Publicacións
Descubre as publicacións do Grupo de Estudos Audiovisuais

Filmar a pantasma

A teoría da psicanálise serve tamén de fío á abordaxe coa que Antía López Gómez se achega a tres filmes case coetáneos entre si: Arima (Jaione Camborda, 2019), A nena azul (Sandra Sánchez, 2018) e A estación violenta (Anxos Fazáns, 2017). O capítulo centra a súa análise en Arima, filme que expón de maneira paradigmática a temática freudiana da pantasma, esa obsesión recorrente que colle forma nas aparicións e que agocha un feito traumático: «a desaparición dun neno, a volatilización dun pai». López Gómez remata a súa análise anotando as semellanzas formais e argumentais de Arima cos outros dous filmes, tamén asinados por mulleres, nos que a contorna paisaxística galega —o bosque en Arima, o mar en A nena azul— representa «unha magnífica metáfora da foresta inconsciente».

«Para rematar, pois, unha última reflexión sobre esta escolla de tres filmes, un deles analizado máis en profundidade, os outros dous citados a modo de copresenzas que veñen a confirmar unha tímida tendencia no cine galego ao afondamento explícito nas estruturas do psiquismo, o cal puidera apuntar á emerxencia dun cinema de corte íntimo, como diciamos anteriormente, subxectivo, no que o contexto, máis que social, territorial, paisaxístico, vén a constituír unha sutil e explícita prolongación desa psique inexpugnábel».

Autor/a: Antía López Gómez Ano: 2019Titulo: Filmar a pantasma Categoría: Capítulo de libro Título revista/libro: A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galegaVolume: 2Páxina inicial: 177Páxina final: 195Cidade: VigoPaís: Galicia (España)Editorial: GalaxiaISBN: 978-84-9151-335-3
© 2023 Estudos Audiovisuais