
«De illas e sereas» amplía a historia do cinema en lingua galega impulsada polo GEA
O terceiro volume da serie, editada en colaboración con Galaxia, xa está dispoñíbel nas librarías
O Grupo de Estudos Audiovisuais vén de publicar De illas e sereas (Editorial Galaxia, 2020), terceira entrega da serie Para unha historia do cinema en lingua galega na que desta volta as autoras e autores analizan os filmes galegos que chegaron ás pantallas no último ano ou aqueles que están aínda en construción, canda a pezas que adoitan pasar desapercibidas para o público por navegar fóra das rutas máis transitadas na procura doutras formas de expresión.
A catedrática da USC Margarita Ledo Andión coordina de novo esta exploración na que tamén participan «á marxe de servidumes académicas e dende a crítica aos modos obsoletos de pensar nas películas» Fernando Redondo Neira, Cibrán Tenreiro Uzal, Alberte Pagán, Antía López Gómez, José Luis Castro de Paz, Pablo Súarez-Mansilla e Marta Pérez Pereiro.
De illas e sereas constrúe unha cartografía na que están presentes filmes que falan de nós dende o realismo, cuxo exemplo máis destacado é O que arde (Oliver Laxe, 2019), até o onirismo que remarca o artificio en Lúa Vermella (Lois Patiño, 2020). En ruta, o libro detense a analizar os usos da reciclaxe e dos arquivos no cinema galego, ferramentas que serven tanto á memoria individual como á colectiva, para levarnos logo a explorar as achegas máis experimentais de autores como José Eduardo Díaz-Noriega, o colectivo Vídeo 80 ou o máis recente Proxecto Remolque, impulsado polo proxeccionista, músico e cineasta Cris Lores.
Dende estas illas descoñecidas recalamos na relación entre o corpo e a cámara, entre o acto de filmar e a representación no cinema realizado por mulleres como Xiana do Teixeiro, Aldara Pagán ou Xisela Franco. A muller-protagonista, a súa mirada, está moi presente tamén no cinema máis inmediato que se está a facer en Galiza (Analóxica, de Anxos Efe ou a curta Arrolo, de Lucía Estévez; ambas do 2019) coma naquelas películas que están por chegar (Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado; Ons, de Alfonso Zarauza; Crías, de Xiana do Teixeiro). Delas fálase ao comezo do volume no capítulo «Desexo de cinema: emoción e inscrición de clase».
A viaxe que propón De illas e sereas remata na diáspora. Dúas películas xa de por sí particulares «nun arquipélago de singularidades como é o do cinema galego actual» ocupan o último epígrafe do libro: Mimosas (Oliver Laxe, 2016) e Hamada (Eloy Domínguez Serén, 2019), ambas rodadas no Magreb. Pezas nas que as imaxes amosan unha cultura que non é a propia dos cineastas, mais nas que «o desexo de retratar unha periferia» forza a pensar na persistencia dunha identidade galega tamén nestes filmes, na súa maneira de representar o colectivo.
A serie Para unha historia do cinema en lingua galega está formada polos volumes Marcas na paisaxe, A foresta e as árbores e De illas e sereas, todos eles publicados en colaboración coa Editorial Galaxia entre os anos 2018 e 2020 no marco do proxecto de I+D+i «EU-VOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas» (CSO2016-76017-R), financiado por FEDER-Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades – Axencia Estatal de Investigación. Este terceiro libro conta ademais coa financiación da Xunta de Galicia a través da súa convocatoria de axudas á consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiaria o GEA.

A integrante do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX) é tamén Contratada Predoutoral no Grupo de Estudos Audiovisuais do Departamento de Comunicación da USC. A actividade de presentación da investigación predoutoral terá lugar o vindeiro 12 de abril das 14.00h ás 16.00h na Sala Hipatia da Facultade de […]
O Festival de Málaga retoma as xornadas Málaga Docs coa publicación do libro colectivo El documental en España. Historia, estética e identidad, editado por Cátedra e o propio festival. Complementando a presentación deste volumen celébrase o Encuentro de Cine Documental 2023, En el espejo: una mirada compartida al cine documental en España, que traslada algúns dos […]
A revista Cinema & Território (C&T) é unha publicación científica anual e internacional de arte e antropoloxia das imaxes da Universidade da Madeira (UMa). A C&T está aberta a propostas para publicación de investigadores internos e externos á UMa, que se encadren nos dominios das artes e dos estudos cinematográficos, da antropoloxia visual e das imaxes […]
Entidade financiadora: FEDER/Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades – Agencia Estatal de Investigación/ ref. CSO2016-76014-RData de inicio: 30/12/2016Data de fin: 30/12/2019I.P.: Margarita Ledo Andión y Enrique Castelló MayoInvestigadores participantes: Margarita Ledo Andión Marta Pérez Pereiro Andrés Fraga Pérez José Luis Castro de Paz Enrique Castelló Mayo Antía López Gómez Fernando Redondo Neira , Xose Henrique Monteagudo Romero (USC), Carlos Pío del Oro Sáez (USC), Silvia Roca Baamonde (USC), Miren Manias Muñoz (UPV), Pablo Romero Fresco (Uvigo), María Soliña Barreiro González (ESUPT-UPF), Francisco Javier Azpillaga Goenaga (UPV-EHU), María José Deogracias (UPV-EHU), Beatriz Zabalondo Loidi (UPV-EHU), Judith Clares Gavilán (UOC), Jaques Guyot (Universitè Paris 8), Steve Blandford (University of South Wales), Ruth McElroy (University of South Wales), Pietari Kääpa (University of Stirling) Entidades participantes: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Euskal Herriko Unibertsitatea, Escola Universitária Politécnica Mataró-UPF, Universitat Oberta de Catalunya, Universitè Paris 8, University of South Wales, University of Stirling
