O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos últimos tres anos unha avaliación do impacto desta Lei no sector, atendendo particularmente aos seus efectos no ámbito lingüístico, e neste II Simposio Internacional (no que colabora o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia) abordarán algunhas das principais problemáticas presentes no audiovisual actual, coa presenza de figuras expertas tanto do ámbito universitario como do profesional.
Deste xeito, e despois da apertura a cargo do recén elixido Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Carlos Toural, e os coordinadores do simposio, Marta Pérez Pereiro e Cibrán Tenreiro, a xornada do luns 29 de xuño contará coas investigadoras da USC Antía López (IP do proxecto) e Rocío del Pilar Sosa tratando o impacto da Lei nas linguas minorizadas catro anos despois da súa aprobación. A continuación, Orianna Calderón (Universidad de Granada) centrarase noutro dos eixos a nivel de diversidade nas políticas audiovisuais estatais, como é a igualdade de xénero. A catedrática emérita do Trinity College Ruth Barton tratará a relación entre políticas audiovisuais e linguas minorizadas nun marco xeográfico diferente como é o irlandés. Á tarde será a quenda da intervención de profesionais, cos produtores Silvia Fuentes (Sétima), Alfonso Blanco (Portocabo) e Tono Folguera (Lastor Media) -responsables de obras como As liñas descontinuas, Cuñados ou Creatura- participando nunha mesa redonda sobre o impacto da devandita Lei na súa actividade.
A segunda xornada arrincará coa intervención de Natalício Batista, investigador da brasileira Universidade Federal de Alagoas e membro do equipo da plataforma de streaming pública Tela Brasil, que abordará esta experiencia no marco da política audiovisual no meirande país da lusofonía. Seguirao Peter Andermatt, director da Oficina Media España, que tratará a visibilidade do cinema europeo desde a súa perspectiva como parte dunha das organizacións fundamentais para o financiamento e promoción cinematográficas na UE. Nunha liña relacionada, o aspecto da competitividade internacional das pequenas industrias cinematográficas será o obxecto da intervención de Manuel José Damásio (Universidade Lusófona de Lisboa), que pechará a citada mañá do 30 de xuño. Pola tarde, a iniciativa Lingua Vital presentará a proposta “Unha nova normativa para o audiovisual galego”. O simposio pecharase cunha nova mesa redonda, nesta ocasión centrada na distribución audiovisual e coa presenza de Brais Romero (La Machina), Ramiro Ledo (Atalante) e Lara Pérez Camiña (BTeam), cuxas empresas teñen estado a cargo de mostras da diversidade audiovisual como 360 curvas, Orlando. Mi biografía política ou Sirât. Ao remate, o tamén IP do proxecto, Enrique Castelló, pechará o evento cunhas conclusións.
Comité científico
Marta Pérez Pereiro (Universidade de Santiago de Compostela) – Presidenta
Katixa Agirre (Euskal Herriko Unibertsitatea)
María Soliña Barreiro González (Universidade de Santiago de Compostela)
Enrique Castelló Mayo (Universidade de Santiago de Compostela)
Aina Fernández i Aragonés (Tecnocampus – Universitat Pompeu Fabra)
Antía María López Gómez (Universidade de Santiago de Compostela)
Margarita Ledo Andión (Universidade de Santiago de Compostela)
Philippe Meers (University of Antwerp)
Cibrán Tenreiro Uzal (Universidade de Santiago de Compostela)
Comité Organizador
Cibrán Tenreiro Uzal (Universidade de Santiago de Compostela) – Presidente
Marta Pérez Pereiro (Universidade de Santiago de Compostela)
Paulina Cano Vila (Universidade de Santiago de Compostela)
Elena García Núñez (Universidade de Santiago de Compostela)
Valeria Gómez Vázquez (Universidade de Santiago de Compostela)
Eila Rodríguez Filgueiras (Universidade de Santiago de Compostela)
Rocío del Pilar Sosa Fernández (Universidade de Santiago de Compostela)
A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]
O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]
O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]
Entidade financiadora: Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la SociedadData de inicio: 01/09/2023Data de fin: 31/08/2026Importe: 98.750 €I.P.: Antía López Gómez, Enrique Castelló MayoEntidades participantes: Asociación de Productoras Independientes de Galicia (AGAPI), Plataforma per la Llengua, TecnoCampus Mataró-Maresme Universitat Pompeu Fabra, Universidad del País Vasco (UPV/EHU), University of South Wales, Asociación Sindical Galega de Guonistas (AGAG), Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI)
