Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA
Margarita Ledo Andión

Margarita Ledo Andión recibe a «homenaxe a toda unha vida de investigación en comunicación»

22/10/2020

A Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) rende homenaxe neste 2020 a Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, grupo de referencia competitiva do Sistema Universitario Galego. Margarita Ledo Andión é a primeira muller do ámbito estatal que recebe o recoñecemento a toda unha vida de investigación en comunicación por parte da AE-IC dende a fundación da asociación no ano 2006.

O acto terá lugar o día 28 de outubro en Valencia no marco do VII Congreso Internacional da AE-IC, onde tamén serán homenaxeados os profesores Ramón Zallo Elguezábal (UPV/EHU) e Néstor García Canclini (Universidad Autónoma Metropolitana de México).

Na resolución pola que outorga estes recoñecementos, a xunta directiva da AE-IC destaca o amplo traballo investigador desenvolvido por Margarita Ledo Andión durante máis de 35 anos, con especial atención ao documental e ao fotoxornalismo. Este labor compleméntase cunha intensa traxectoria creativa na literatura e no audiovisual, así como co impulso á cooperación entre os mundos lusófono e hispano no eido da comunicación.

A xunta directiva subliña tamén o compromiso da catedrática da USC coa propia Asociación Española de Investigación da Comunicación, da que forma parte dende a súa creación e na que exerceu como vicepresidenta entre os anos 2008 e 2016 e presidenta do comité organizador do congreso fundacional que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Comprometida coa diversidade

Ao longo destas máis de tres décadas, Margarita Ledo Andión dirixiu diversos proxectos de I+D+I nacionais e internacionais, o máis recente deles o «EU-VOS. Patrimonio Cultural Inmaterial: para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas», continuación do que finalizou en 2015, «EDCINEMA. Cara ao espazo dixital europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal». No congreso de Valencia daranse a coñecer, precisamente, os resultados globais do proxecto «EU-VOS» que aborda a problemática do cinema en versión orixinal, a tradución e a preservación da diversidade lingüística e cultural en Europa.

Doutora en Ciencias da Comunicación pola Universitat Autònoma de Barcelona e profesora catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, as súas liñas de pescuda traballan a produción e o acceso a bens culturais dende a diversidade, as políticas de comunicación e as teorías feministas nos universos da creación e da expresión.

Para alén de numerosos artigos en publicacións científicas de referencia, entre os seus libros cómpre destacar Foto-xoc e xornalismo de crise (Edicións do Castro, 1988), polo que recibiu o Premio Grupo Foto; Documentalismo fotográfico contemporáneo (Xerais, 1995); Documentalismo fotográfico (Cátedra, 1988); Del Cine-Ojo a Dogma95 (Paidós, 2004); Cine de fotógrafos (GG, Barcelona 2005), premio Fundació Espais d’Art Contemporani e o ensaio El cuerpo y la cámara (Cátedra, 2020). Amais, coordina a serie Para unha historia do cinema en lingua galega, colección de tres volumes editada por Galaxia que traza un percorrido crítico e analítico polos filmes dende o século XX até as primeiras dúas décadas do novo milenio.

Como cineasta, desenvolveu o seu traballo de maneira especial no documental, con filmes como Santa Liberdade (2004), Liste, pronunciado Líster (2007) e Nación (2020); para alén da ficción A cicatriz branca (2012).

É Premio Nacional da Cultura Galega 2008 en Cine e Audiovisual, Premio Otero Pedrayo 2017 e membro da Real Academia Galega.

MÁIS NOVAS
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
Luma AI vs. LiDAR: un estudo do GEA avalía a súa accesibilidade na creación de contornas virtuais
22/04/2026

O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]

Seguir lendo
INVESTIGACIÓN / MARCO VINCULADO
EU-VOS: Patrimonio Cultural Inmaterial Para un programa de subtitulado en lenguas no hegemónicas
Entidade financiadora: Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la SociedadData de inicio: 01/01/2017Data de fin: 31/12/2019Importe: 67.155 €I.P.: Margarita Ledo Andión, Enrique Castelló MayoEntidades participantes: FUNDACIO PER A LA UNIVERSITAT OBERTA DE CATALUNYA; FUNDACIO TECNOCAMPUS; Universidad del País Vasco; Universidade de Vigo
© 2026 Estudos Audiovisuais