
Regresa en novembro CO(M)XÉNERO. Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC para, nesta ocasión, dar voz ás mulleres que fan dos videoxogos a súa paixón e a súa profesión. Pioneiras galegas, docentes, investigadoras, programadoras, artistas e tamén divulgadoras estarán os días 18 e 19 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación para falar das súas experiencias e repensar as formas nas que o sexismo persiste no sector.
A asistencia ás xornadas é de balde previa inscrición na web do Grupo de Estudos Audiovisuais, organizador do seminario en conxunto coa Oficina de Igualdade de Xénero da universidade. O prazo remata este venres 15 de novembro.
Participan como relatoras neste terceiro CO(M)XÉNERO Nieves R. Brisaboa, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña e Premio Nacional de Informática 2019; e Dhaunae De Vir, desenvolvedora de negocio transmedia en Paradox Interactive, empresa responsable de éxitos como o Europa Universalis, o Crusader Kings ou os populares xogos de vampiros e lobishomes ambientados no World of Darkness (Mundo das Tebras). Xunto a elas compartirán vivencias María Fernández Hermida, creadora e iluminadora de escenarios virtuais para videoxogos e embaixadora da asociación internacional Women in Games; e Marina Amores, comunicadora audiovisual especializada en videoxogos e xénero e coordinadora de Protesto! (AnaitGames, 2018) o primeiro libro en castelán que aborda os videoxogos cunha perspectiva feminista.
No seminario haberá tamén sesións de proxeccións e debate ao redor de pezas audiovisuais que pescudan as formas nas que o sexismo se manifesta dentro e fóra dos xogos amais de obradoiros cos que desbotar estereotipos e aprender a facer videoxogos para todas e para todos. Luz Castro Pena, profesora especializada en creación dixital da Universidade da Coruña e co-fundadora de imaxin|software; Beatriz Legerén Lago, docente especializada en deseño e creación de videoxogos na Universidade de Vigo e Olaia Ferrando, investigadora, deseñadora UI/UX e ilustradora, serán as encargadas de impartilos.
Acó xogamos todas
Os eSports ou deportes electrónicos serán os protagonistas o martes 19 de novembro na última xornada do CO(M)XÉNERO. Xogadoras galegas reunidas especialmente para a ocasión medirán as súas forzas con outro equipo competitivo español nun pequeno torneo de exhibición de Overwatch que se celebrará no Auditorio da Facultade.
Será ademais a primeira partida de eSports retransmitida e narrada en lingua galega. Os comentaristas —ou «caster», como se lles chama na contorna dos eSports— serán Javier Martínez Vidal, máis coñecido como «Gamer Vidal», e Minia «Samku» Monteagudo, ambos integrantes de Titan Media, empresa responsable directa da retransmisión das competicións de Overwatch en español.
Premio á introdución da perspectiva de xénero na USC
Coordinado pola directora do Grupo de Estudos Audiovisuais, a catedrática Margarita Ledo Andión, e a docente e investigadora da USC, Marta Pérez Pereiro, o CO(M)XÉNERO está dirixido a estudantes de comunicación, investigadoras e investigadores en formación, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar os medios e as industrias culturais e creativas dende unha lectura crítica. Pola súa relevancia como acción docente innovadora, o CO(M)XÉNERO foi distinguido este ano nos X Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da USC.
Esta terceira edición do seminario está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade) e da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2017 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA.

O GEA participou na Conferencia internacional “Personal Perspective and Essayistic Form in Nonfiction Film and Art” en Vilnius, Lituania. A representación do Grupo de Estudos Audiovisuais estivo formada pola Catedrática Emerita de Comunicación Audiovisual da USC e IP Margarita Ledo, a profesora Marta P. Pereiro e os profesores Cibrán Tenreiro e Eloy Domínguez.
A Asociación Española de Investigación de la Comunicación (AE-IC) celebrará o seu IX Congreso Internacional na Facultade de Comunicación e Documentación, Campus Espinardo, da Universidade de Murcia, do 28 ao 31 de maio de 2024 baixo o lema “Comunicación e Innovación Sostíbel”. O Congreso convoca aos/ás investigadores/as en comunicación, nomeadamente no ámbito español, europeo e […]
Os días 14 e 15 de setembro de 2023 celebrarase no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o seminario Cinema e deporte. Clase xénero e cuestión nacional. Este seminario está organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela, Cinema. Col.lectiu d´Investigació Estètica des Mitjans Audiovisuals da Universidade Pompeu […]
Data de inicio: 12/11/2018Data de fin: 31/12/2020I.P.: Margarita Ledo AndiónInvestigadores participantes: Marta Pérez Pereiro Silvia Roca Baamonde , Carla Cerqueira; Ana Jorge