Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

O GEA avanza os resultados do proxecto «EU-VOS» no VII Congreso Internacional da AE-IC

29/10/2020

Investigadoras e investigadores do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC participan estes días no VII Congreso Internacional da Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC) para dar a coñecer algunhas das principais conclusións do proxecto de I+D+I «EU-VOS. Patrimonio cultural inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas» (CSO2016-76014-R), dirixido por Margarita Ledo Andión e Enrique Castelló Mayo coa participación de persoal investigador de Gales, Francia, Escocia, País Vasco, Catalunya e Galiza.

O xoves 29 de outubro ás 17:30 horas o profesor Enrique Castelló Mayo presenta canda Margarita Ledo Andión e Antía López Gómez a comunicación Desenvolvemento dun modelo metodolóxico paradigmático para a análise do Patrimonio Cultural Inmaterial Europeo: o caso do subtitulado audiovisual. Nela explicarán a metodoloxía e ferramentas de análise empregadas no «EU-VOS», baseadas nun intercambio internacional de coñecementos entre disciplinas diversas como a tradución, os estudos de cinema ou as políticas de comunicación.

A investigación combinou a análise crítica da literatura ensaística e da normativa europea sobre cinema e preservación da diversidade lingüística e cultural con entrevistas en profundidade e cuestionarios prospectivos Delphi a persoas expertas do ámbito académico, institucional e profesional radicadas en territorios de Europa con linguas minoritarias. O obxectivo orientouse á proposición de medidas para unha política harmónica de subtitulado destinada ás producións cinematográficas e audiovisuais nestas linguas.

Entre os resultados máis destacados, figuran elementos para a reflexión como a evidencia de que o apoio ao subtitulado por parte do programa MEDIA da Unión Europea decae de maneira inexplicable fronte á dobraxe, ou que se optase por un modelo de crowdsourcing a través dunha plataforma en liña orientada á tradución dos subtítulos audiovisuais que repercutiría o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias no voluntarismo da cidadanía.

O dereito á diversidade fronte aos dereitos de autor

Na mesma xornada do xoves, dentro do bloque ‘Estudos de recepción e audiencias’, as investigadoras María Soliña Barreiro González e Marta Pérez Pereiro falan das diferentes realidades no acceso a cinema subtitulado en catalán, galego e éuscaro, e da barreira legal coa que todas as iniciativas —desde as institucionais ás amateurs– chocan á hora de favorecer a circulación e reemprego dos subtítulos. A súa comunicación, titulada A circulación do subtitulado cinematográfico en linguas non hexemónicas: a oposición entre os dereitos de autor e o dereito á diversidade no acceso fílmico, afonda nunha problemática que agromou das pescudas realizadas no marco do proxecto «EU-VOS».

O cuestionario Delphi do «EU-VOS» revelou acordos importantes sobre a importancia de que existan repositorios de subtítulos en linguas non hexemónicas para a súa normalización no ámbito cinematográfico, así como sobre a necesidade de que estes subtítulos, cando se financian con fondos públicos, contemplen a cesión dos dereitos que favorezan a súa distribución en múltiples plataformas. Porén, na práctica, os dereitos de autor do contido dos subtítulos mantéñense por riba dos dereitos da tradución, da financiación das versións e do pagamento de dereitos de exhibición fílmica, complicando a súa circulación e prexudicando a diversidade cinematográfica.

Esta inusual situación legal tivo xa repercusións xudiciais para comunidades de subtituladores amateurs e afecta incluso ás administracións, pois están a sufragar versións de subtítulos dos que non posúen os dereitos, con dificultades legais para circular e ser reempregados, o que reduce a eficacia da intervención pública nesta cuestión.

MÁIS NOVAS
Margarita Ledo Andión participa no Málaga Docs
A profesora Ledo Andión escribiu o limiar do libro colectivo El documental en España. Historia, estética e identidad.
14/03/2023

O Festival de Málaga retoma as xornadas Málaga Docs coa publicación do libro colectivo El documental en España. Historia, estética e identidad, editado por Cátedra e o propio festival. Complementando a presentación deste volumen celébrase o Encuentro de Cine Documental 2023, En el espejo: una mirada compartida al cine documental en España, que traslada algúns dos […]

Seguir lendo
Chamada de Artigos para a revista Cinema & Território (C&T)
Está aberta a "Chamada de Artigos" para o n.º 8 da Cinema & Território, sobre a temática Documentais (auto)biográficos
06/03/2023

A revista Cinema & Território (C&T) é unha publicación científica anual e internacional de arte e antropoloxia das imaxes da Universidade da Madeira (UMa). A C&T está aberta a propostas para publicación de investigadores internos e externos á UMa, que se encadren nos dominios das artes e dos estudos cinematográficos, da antropoloxia visual e das imaxes […]

Seguir lendo
Premio Mozo de Investigación en Comunicación ‘Enrique Bustamante’
A Asociación Española de Investigación de la Comunicación (AE-IC ) convoca o Premio Mozo de Investigación en Comunicación 'Enrique Bustamante'.
03/03/2023

O certame ten dúas modalidades: monografía e artigo, o premio consistirá nun Diploma acreditativo e unha axuda de até 1.500€ para gastos de publicación do mellor monográfico presentado, e de 400€ para o mellor artigo que supere o proceso de revisión para ser publicado na Revista de la Asociación Española de Investigación de la Comunicación […]

Seguir lendo
INVESTIGACIÓN / MARCO VINCULADO
EU-VOS: Patrimonio Cultural Inmaterial Para un programa de subtitulado en lenguas no hegemónicas
Entidade financiadora: Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la SociedadData de inicio: 01/01/2017Data de fin: 31/12/2019Importe: 67.155 €I.P.: Margarita Ledo Andión, Enrique Castelló MayoEntidades participantes: FUNDACIO PER A LA UNIVERSITAT OBERTA DE CATALUNYA; FUNDACIO TECNOCAMPUS; Universidad del País Vasco; Universidade de Vigo
© 2023 Estudos Audiovisuais