Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA
Intervención de Margarita Ledo na homenaxe da AE-IC

Margarita Ledo reivindica as linguas e o cinema na homenaxe que lle otorgou a AE-IC

28/10/2020

Este mércores 28 de outubro a catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade e coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais na USC, Margarita Ledo Andión, recibiu en València a homenaxe a toda unha vida de investigación en comunicación, outorgada pola Asociación Española de Investigación da Comunicación no VII Congreso Internacional da AE-IC. O acto celebrouse no paraninfo de La Nau da Universitat de València e puido seguirse en directo a través de Internet. Participaron no mesmo os tamén homenaxeados Ramón Zallo (UPV/EHU) e Néstor García Canclini (Universitat Autónoma Metropolitana de México) e as profesoras e profesores MªTrinidad García Leiva (UC3M), Miquel de Moragas (UAB) e Emili Prado (UAB), que realizaron as laudatios de presentación a cada unha das homenaxeadas.

Emili Prado, compañeiro de Margarita Ledo Andión por moitos anos na profesión xornalística e na academia, trazou «desde a emotividade» un retrato co que iluminou as diferentes caras «dunha persoa poliédrica como Margarita»: como creadora na literatura e no cinema, como activista comprometida xa desde os anos 70 do pasado século XX coa diversidade, coa reivindicación de políticas de comunicación democráticas e coa defensa da lingua galega como vehículo de comunicación científica, e como «unha teórica con mans», comprometida tamén cos seus obxectos de investigación «sen perder nunca a capacidade crítica».

A consolidación da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC «como un referente de boa práctica a nivel nacional e con proxección internacional», o impulso decisivo ás relacións entre a academia galega e portuguesa, así como entre a comunidade lusófona con España e Iberoamérica, son algúns dos fitos que o profesor Emili Prado salientou na súa presentación, ademais das súas achegas imprescindibles á investigación nos usos e prácticas da imaxe, especialmente na fotografía, o fotoxornalismo e o documental.

Pola súa parte, Margarita Ledo Andión comezou a súa intervención subliñando a importancia de deixar de lado a competitividade en favor da solidariedade científica. Tomando como exemplo a disputa pola descuberta do Polo Sur que Stefan Zweig relata no seu libro Momentos estelares da humanidade, Ledo Andión afirmou que, tamén ao falar da Comunicación, non nos interesa quen chegou primeiro senón «quen nos entregou un legado no que non só se constatan os feitos senón un modelo de construción de coñecemento que se organiza a redor da colaboración» e a consciencia de que «todo o aprendido debe regresar á sociedade. A nós».

Ademais dos agradecementos ao consello científico da AE-IC polo recoñecemento, a catedrática da USC quixo deixar constancia dalgunhas «resonancias xeracionais, de tomas de posición, resonancias académicas e científicas» que marcaron a súa inscrición na asociación e tamén o devir desta. Dende a primeira comisión xestora e a primeira directiva da AE-IC na que participou á primeira semi-plenaria de Xénero no Congreso de Bilbao en 2014, agora xa sección específica de nova creación, ou a reconfiguración das relacións con América Latina e co espazo lusófono.

Ao falar da súa traxectoria investigadora, Margarita Ledo Andión puxo énfase «nas linguas non hexemónicas e o cinema», nos proxectos galegos, estatais e internacionais que levaron a recoñecer a «opción irrenunciable e insustituible no actual mapa cultural europeo» de contar con películas tanto en versión orixinal como en versión orixinal subtitulada nas linguas propias das cinematografías pequenas, os cinemas of small nations. Os resultados do proxecto  EU-VOS, que se darán a coñecer precisamente no congreso ou a serie de libros Para unha historia do cinema en lingua galega (Marcas na paisaxe, A foresta e as árbores, De illas e sereas), afondan precisamente nesta cuestión.

València VO – Texto completo da intervención de Margarita Ledo Andión en resposta á homenaxe da AE-IC

[Fotografía: VII Congreso Internacional da AE-IC]

MÁIS NOVAS
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
Luma AI vs. LiDAR: un estudo do GEA avalía a súa accesibilidade na creación de contornas virtuais
22/04/2026

O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]

Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais