Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

O CO(M)XÉNERO reflexiona sobre autoría, memoria e representación a través da arte e do cinema

O cuarto Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC decorrerá nos días 19 e 20 de outubro

15/10/2020

Con propostas dende o cinema documental, o traballo con imaxes de arquivo e cinema recuperado, a pescuda nos diarios íntimos ou mesmo a performance e o autorrelato, neste cuarto CO(M)XÉNERO falaremos de identidade, de como nos representan e nos representamos, da necesidade de ampliar a diversidade de voces que constrúen os relatos e configuran a nosa memoria, individual e colectiva.

«Contra a desmemoria» é o título que nos reúne os días 19 e 20 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela para compartir un espazo —físico ou virutal— con artistas, docentes, investigadoras e cineastas que veñen traballando nestes tópicos dende cadansúa área de estudo e expresión.

O primeiro día do seminario contaremos con Rosa Cabecinhas, investigadora e docente do Centro de Estudos de Comunicação e Sociedade (CECS) da Universidade do Minho, que abordará a relación entre memoria, cinema, xénero e comunicación intercultural, e coa artista interdisciplinar Monica Mura, que nos levará a pensar sobre o corpo e as formas diversas coas que nos representamos.

Na segunda xornada do CO(M)XÉNERO participarán cineastas que exploran os temas da identidade, o autorrelato e a memoria nas súas filmografías, como Xiana do Teixeiro, directora de Tódalas mulleres que coñezo (curtametraxe premiada no OUFF, no Festival de Cine Documental Alcances, DocumentaMadrid 2018 e no Evolution International Film Festival de Mallorca, entre outros), e de Crías, un proxecto a cabalo entre a investigación e o documental; Carolina Astudillo, cineasta Biznaga de Prata ao mellor documental nos Festivais de Málaga de 2014 por Ainhoa, yo no soy esa, e 2018 por El gran vuelo; e Nuria Giménez Lorang, directora da multipremiada My mexican bretzel (mellor película, guión e dirección española no Festival de Gijón 2019, Premio Found Footage no Festival de Rotterdam e premio do público no D’A Barcelona).

O seminario está especialmente dirixido a profesionais e persoal investigador no ámbito da comunicación, a estudantes dos Graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo, así como ao público xeral interesado en abordar os medios e as industrias culturais dende unha lectura e análise críticas.

A inscrición, de balde, está aberta até o 16 de outubro a través do formulario dispoñible na web do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. Todas as persoas matriculadas poderán seguir as actividades tanto de maneira presencial como por streaming.

Organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, o CO(M)XÉNERO conta nesta cuarta sesión co financiamento da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2017 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas.

MÁIS NOVAS
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
Luma AI vs. LiDAR: un estudo do GEA avalía a súa accesibilidade na creación de contornas virtuais
22/04/2026

O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]

Seguir lendo
INVESTIGACIÓN / MARCO VINCULADO
CO(M)XÉNERO Seminario Permanente de Comunicación e xénero
Data de inicio: 12/11/2018Data de fin: 15/11/2023I.P.: Margarita Ledo AndiónInvestigadores participantes: María Soliña Barreiro
Foco permanente de discusión e formación sobre o papel dos medios na vertebración da sociedade, con especial atención á visibilización informativa e cinematográfica da(s) identidade(s) de xénero.
Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais