CO(M)XÉNERO 4. Información das participantes

CO(M)XÉNERO 4. Información das participantes

Margarita Ledo Andión. Doutora en Ciencias da Comunicación pola Universitat Autònoma de Barcelona e profesora catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. É directora, xunto con Marta Pérez Pereiro do CO(M)XÉNERO. Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC e coordinadora do Grupo de Investigación Estudos Audiovisuais (Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia), onde dirixiu o proxecto de I+D+i «EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial: para un programa europeo de subtitulado en linguas non-hexemónicas», continuación do que finalizou en 2015, «Cara ao espazo dixital europeo. O papel das pequenas cinematografías en versión orixinal». As súas liñas de pescuda traballan a produción e o acceso a bens culturais dende a diversidade e as políticas de comunicación, e as teorías feministas nos universos da creación e da expresión, do que é exemplo o seu último ensaio El cuerpo y la cámara (Cátedra, 2020). Entre as súas publicacións máis recentes arredor do xénero destacan tamén os artigos «Diáspora en feminino» na revista Cinema e Território (2018) «Acciones (in)diferentes, tensiones latentes. A propósito de feminismo y novo cinema galego» en IC, Revisa Científica de Información y Comunicación (2016), ou «El cuerpo, esa insoportable lengua comunal» no volume El tratamiento informativo de la violencia contra las mujeres (Sociedad Latina de Comunicación Social, 2015).

Cineasta e escritora, entre os seus filmes figuran Santa Liberdade (2004); Liste, pronunciado Líster (2007) e Nación (2020), para alén da ficción A cicatriz branca (2012). É Premio Nacional da Cultura Galega 2008 en Cine e Audiovisual, Premio Otero Pedrayo 2017 e numeraria da Real Academia Galega.

 

Marta Pérez Pereiro. Docente e investigadora na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Santiago de Compostela (USC). Doutora pola mesma universidade, a súa actividade investigadora céntrase nos pequenos cinemas, entre eles o galego, e o humor en distintas manifestacións da vida social.

Dirixe, canda Margarita Ledo Andión, o CO(M)XÉNERO. Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC, e é membro do Grupo de Investigación Estudos Audiovisuais (Comunicación audiovisual: contidos, formatos e tecnoloxía, GI-1786), do Centro de Estudos Fílmicos (CEFILMUS) e do Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE), todos eles da mesma universidade.

Entre as súas publicacións, destacan os artigos «Getting the mob angry: The satire of Masa Enfurecida as political incorrectness in social networking» (2017) para a revista Humor, «Cine europeo en linguas de nacións sen estado e pequenas nacións» (2016) , en co-autoría con Margarita Ledo Andión e Antía López Gómez para a Revista Latina de Comunicación Social e «The public and the journalists: views on the humoristic treatment of religion in Spain» (2014), en co-autoría con Montse Figueras Maz e Marcel Mauri Ríos, publicado no Journalism & Mass Communication Quarterly. Entre as últimas publicacións arredor do xénero, destácase o artigo «Arqueoloxía(s) do saber. A crítica feminista dende as súas orixes á actualidade» (2018), para a revista dixital de crítica cinematográfica A cuarta parede, e resultado da súa intervención como relatora no Seminario de Crítica Feminista do Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui no 2018.

 

Rosa Cabecinhas. Profesora asociada do Instituto de Ciências Sociais da Universidade do Minho, doutorouse en Ciencias da Comunicación (Psicosocioloxía da Comunicación) en 2003. Ensina nas áreas de Psicoloxía Social e Comunicación Intercultural.

Foi coordinadora e investigadora principal de diversos proxectos financiados pola Fundação para a Ciência e a Tecnologia e pola Comisión Europea. Foi vicepresidenta da rede COST – Social psychological dynamics of historical representations in the enlarged European Union (2012-2016). Actualmente, dedícase principalmente ás seguintes áreas de investigación: diversidade e comunicación intercultural, memoria social, representacións sociais, identidades sociais, estereotipos e discriminación social.

Entre as súas publicacións destacan os libros Preto e Branco: A naturalização da discriminação racial (2017, 2ª edición), Comunicação Intercultural: Perspectivas, Dilemas e Desafios (con Luís Cunha, 2017, 2ª edición), Narratives and Social Memory: Theoretical and Methodological Approaches (con Lília Abadia, 2013), e De outro género: Propostas para a promoção de um jornalismo mais inclusivo (con Carla Cerqueira, Sara I. Magalhães, Anabela Santos e Conceição Nogueira, 2014).

Participou na fundación da Sopcom (Associação Portuguesa de Ciências da Comunicação) e é socia da IAMCR (International Association for Media and Communication Research) e da ECREA (European Communication Research and Education Association), así como de diversas asociacións portuguesas e internacionais nas áreas da psicoloxía, socioloxía, estudos culturais e ciencias da educación. Formou parte do equipo que fundou o Seminário Permanente de Comunicação e Diversidade, que coordina dende a súa fundación, e participou na creación do Grupo de Trabalho em Comunicação Intercultural da Sopcom, exercendo as funcións de coordinadora-adxunta.

 

Monica Mura. Artista interdisciplinar, performer e artivista. Dottoressa magistrale in D.A. M.S., Discipline dell’Arte, della Musica e dello Spettacolo coa especialidade en Linguaxe Multimedia pola UNITO (Turín), en 2002 cursa estudos na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC grazas a unha bolsa Sócrates/Erasmus. Dende entón, vive e traballa tendendo pontes entre España, Italia e Portugal. É membro da asociación MAV Mujeres en las Artes Visuales e de A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia.

Participou en proxectos de loita contra a violencia de xénero e en actos para promover a visibilidade da muller na produción cultural: as súas accións artísticas, levadas a cabo en diferentes eventos (Festival C, XX Bienal De Arte de Cerveira, Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, Museu Jose Malhoa de Caldas da Rainha, Teatro Tonio Lanusei…) destacaron por demostrar o impacto social que pode ter a arte na sociedade actual. Formou parte do equipo de Nos+Otras: en Red (2015-2017) un proxecto integrado no programa Educación e Acción social de EducaThyssen que recibiu a Mención de Honra no VIII Premio Iberoamericano de Educación e Museos. O seu traballo interdisciplinar (fotografía, paisaxes sonoras, vídeos, instalacións, accións, digital-art…) foi presentado en festivais, feiras e congresos entre os que merece destacar o III Congreso Internacional Re-Pensar los Museos (Museo Thyssen), o IV Congreso De Arte De Acción (Belas Artes UCM), o Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migración (RMPL), o Festival Miradas de Mujeres (Museo M.AR.CA.), o Encontro Internacional de Arte Contemporánea (ARTSevilla), a V Feira Nacional de Artistas (Cultur3 Club Xixón) e o WOS Festival (Cidade da Cultura de Galicia), entre outros.

Realizou exposicións en espazos de referencia da arte contemporánea e en institucións de prestixio como o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza de Madrid, MAC Museo de Arte Contemporánea da Coruña (España), Sala Dogana-Palazzo Ducale, Palazzo Grillo de Xénova (Italia) ou o Museu José Malhoa de Caldas da Rainha (Portugal). Entre as súas exposicións individuais destaca E ti que (de quen) vés sendo?, un percorrido multi-sensorial que reflicte a evolución da reflexión sobre memorias, xéneros e identidades dende o paradigma da Interseccionalidade. Ten recibido diversos recoñecementos, premios, bolsas e residencias. A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas, entre as que destacan os fondos do Museo Provincial de Lugo e os do MAC Fundación Florencio de la Fuente de Huete.

 

Xiana do Teixeiro. Doutora en Comunicación Audiovisual pola Universitat Autònoma de Barcelona, licenciada en Comunicación Audiovisual (UAB) e Xornalismo (University of Southampton – USC), desenvólvese como cineasta dende a realización e a produción.

No ano 2008 co-fundou a produtora Walkie Talkie Films, vencellada a unha ollada a autoral e experimental. Os seus traballos abordan o relato íntimo, a identidade e a construción do xénero e a relación entre humanos e non humanos. Entre eles sobresaen Carretera de una sola dirección (2016) —gañadora do ProxectoX Films do Festival Punto de Vista 2015, unha exploración do prostíbulo de estrada como non-lugar, fenómeno invisíbel abandonado pola sociedade, e Tódalas mulleres que coñezo (2018), na que tres conversas interconectadas a través da pantalla cinematográfica desvelan a profundidade das violencias machistas, cotiás, e ubicuas. A fita foi premiada, entre outros festivais, no OUFF, no Festival de Cine Documental Alcances, DocumentaMadrid 2018 e no Evolution International Film Festival de Mallorca.

 

Carolina Astudillo Muñoz. Realizadora, xornalista, investigadora e docente. Diplomada en Estudos de Cinema pola Universidad Católica de Chile e Máster en Documental Creativo pola Universitat Autònoma de Barcelona. Dende 2016 é membro da Academia de Artes e das Ciencias Cinematográficas de España (AACCE).

Desenvolve o seu traballo na investigación, a creación documental e a escritura, tendo como eixo articulador ás mulleres e a memoria histórica. Os seus traballos oscilan entre o cinema experimental e o documental.

As súas películas foron exhibidas en festivais, museos e institucións educativas, e recibiron diversos premios nacionais e internacionais. A súa primeira longametraxe, El gran vuelo (2014) gañou a Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga (2015), o premio Feroz Puerta Oscura ao Mellor Documental (AICE); Mellor Mediometraxe Documental en Alcances; Mellor Montaxe en Sole Luna Doc Film Festival e Mellor Documental en Som Cinema. Por esta obra, foi elixida tamén Mellor Realizadora pola Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA). A súa segunda longametraxe, Ainhoa, yo no soy esa (2018), obtivo novamente a Biznaga de Prata ao Mellor Documental no Festival de Málaga (2018), o Gran Premio do Xurado en Escales Documentaires (2018) e o premio ao Mellor Son e Mención Especial do Xurado en DocumentaMadrid (2018).

No ámbito docente imparte cursos, seminarios e masterclass na Universitat Autónoma de Barcelona, Universitat Pompeu Fabra, Universidad de Santiago (Chile), Universidad Pontificia Bolivariana (Colombia), Universidad Chileno-Británica de Cultura (Chile) e nas escolas de cinema ESCAC, ECIB, Master Lav, La Casa del Cine e LENS (España).

 

Nuria Giménez Lorang. Estudou Xornalismo, Relacións Internacionais e Realización de Cinema Documental. Viviu en Berlín, París e Londres, onde exerceu varios tipos de traballo, a maioría sen ningunha relación co cinema nin entre si.

Na última década, foi ampliando a súa formación en seminarios e clases maxistrais de varios cineastas, entre outros, Isaki Lacuesta, Andrés Duque, Virginia García del Pino, Sergei Dvortsevoy, Patricio Guzmán, Wang Bing ou Frederick Wiseman.

A súa primeira curta, Kafeneio (2017), foi presentada en DocumentaMadrid 2017 e no MIDBO – Muestra Internacional Documental de Bogotá 2017. My Mexican Bretzel (2019), a súa primeira longametraxe, recibiu os premios a Mellor Película, Mellor Guión e Mellor Dirección no Festival de Xixón e estreouse internacionalmente no Festival de Róterdan, onde gañou o premio Found Footage. Participou tamén en Visions du Réel e no Festival D’A, onde gañou o Premio do Público. O filme continúa o seu percorrido en 2020 por diversos festivais nacionais e internacionais, como o FIDBA en Arxentina, o Festival Internacional de Cine de San Sebastián ou o Festival Internacional de Cine de Monterrey en México, onde obtivo o Premio á Mellor Longametraxe Internacional Documental.

 

© 2024 Estudos Audiovisuais