Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA
De-illas-e-sereas-libros

Cineuropa acolle a presentación de De illas e sereas

O terceiro volume da serie Para unha historia do cinema en lingua galega darase a coñecer nun acto vía streaming o 16 de novembro ás 18 horas

11/11/2020

Margarita Ledo, Marta Pérez Pereiro e Fernando Redondo presentarán de De illas e sereas. Para unha historia do cinema en lingua galega [3] ao abeiro do #Cineuropa34. O acto emitirase en liña ás 18 da tarde do luns 16 e enmárcase nunha serie de actividades paralelas do festival, como a conversa con Alfonso Zarauza o xoves 12 ou a sesión de curtas galegas o venres 13.

O libro, editado polo GEA (Grupo de Estudos Audiovisuais) e a editorial Galaxia, transita os filmes galegos estreados no último ano e algúns que están aínda por estrear, á vez que rescata outras pezas fóra de circuíto convencional, nunha singradura polas illas fílmicas e as sereas que as habitan que da pé a unha construción crítica da historia cinematográfica galega «á marxe de servidumes académicas e desde a crítica aos modos obsoletos de pensar nas películas».

Baixo a coordinación de Margarita Ledo, que tamén recibirá o Premio Cineuropa 2020,  escriben outros membros do GEA como Fernando Redondo Neira, Cibrán Tenreiro Uzal,  Antía López Gómez, José Luis Castro de Paz, Marta Pérez Pereiro e convidados como Alberte Pagán ou Pablo Súarez-Mansilla. A través dos seus textos viáxase do cinema máis realista (Laxe)  ao máis onírico (Patiño), do experimental e de reciclaxe (Domínguez, Chirro, Díaz-Noriega,Lores) ao cine de mulleres (do Teixeiro, Franco, Pagán, Ledo) e arríbase mesmo aos filmes contemporáneos da diáspora (Domínguez Serén), nunha selección heteroxénea e viva que «esculca nas marxes, nos intersticios, nas fendas secasí no que se nos anuncia para datas vindeiras».

A presentación farase a porta pechada por mor das restricións actuais mais pode seguirse por streaming a través da canle de Compostela Cultura este luns 16 ás 18 horas.

O terceiro dunha serie

A serie Para unha historia do cinema en lingua galega está formada polos volumes Marcas na paisaxe, A foresta e as árbores e De illas e sereas, todos eles publicados en colaboración coa Editorial Galaxia entre os anos 2018 e 2020 no marco do proxecto de I+D+i «EU-VOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas» (CSO2016-76017-R), financiado por FEDER-Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades – Axencia Estatal de Investigación. Este terceiro libro conta ademais coa financiación da Xunta de Galicia a través da súa convocatoria de axudas á consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiaria o GEA.

MÁIS NOVAS
Fx: Ollos para ver, 1º encontro de fotografía documental contemporánea galega
Exposición, seminario e curso de verán
23/05/2023

O 1º Encontro de Fotografía Documental Contemporánea Galega está organizado dende o Grupo de Estudos Audiovisuais e agrupa unha lista de actividades que teñen como cometido achegar fotografía documental galega, da man dunha extensa lista de profesionais, ao eido universitario. Compónse á súa vez de diferentes actividades dende os meses de abril ata xullo: EXPOSICIÓN […]

Seguir lendo
O GEA participa na rolda de prensa da Iniciativa polo galego no audiovisual sobre o relatorio para a aplicación da Directiva audiovisual no Parlamento Europeo
O sector audiovisual académico e profesional valora como un éxito inclusión dunha emenda elaborada polas entidades agrupadas na Iniciativa polo galego no audiovisual
10/05/2023

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023.- Representantes do sector audiovisual valoraron esta mañá en rolda de prensa a aprobación, por parte do parlamento europeo, do relatorio para a aplicación da Directiva audiovisual, salientando a inclusión dunha emenda elaborada polas entidades agrupadas na Iniciativa polo galego no audiovisual do que  asistiron en representación: Margarita […]

Seguir lendo
Convite á rolda de prensa sobre a directiva europea do audiovisual
Mañá, mércores 10 de maio, ás 11h na aula 5 da Faculdade de Ciencias da Comunicación
09/05/2023

O relatorio do Parlamento europeo sobre a trasposición da directiva europea do audiovisual ven de aprobar dúas emendas sobre as que o GEA ten traballado en conxunto coa Iniciativa Galega polo Audiovisual. Mañá, mércores 10 de maio, ás 11h na aula 5 da Faculdade de Ciencias da Comunicación de Santiago desenvolverase unha rolda de prensa […]

Seguir lendo
© 2023 Estudos Audiovisuais