
Arrinca o IX Encontro Anual da AIM
O Grupo de Estudos Audiovisuais participa nunha mesa redonda sobre "Cinema Galego"
O IX Encontro Anual da Associação de Investigadores da Imagem en Movimento (AIM) ten lugar nesta edición na Universidade de Santiago de Compostela entre o 13 e 16 de maio de 2019, nunha organización conxunta da AIM e a Faculdade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
Creada en 2010, a AIM pretende reunir en Portugal a investigadoras/es que teñen en común obxectos e temas de pesquisa relacionados coa imaxe en movemento. Con este obxectivo, a asociación realizou xa oito encontros anuais, que tiveron localizacións diversas: Faro (2011), Lisboa (2012 e 2015), Coimbra (2013), Covilhã (2014), Porto (2016), Braga (2017) e Aveiro (2018).
Cinema Galego
O luns 13 ás 16.30h, no salón de Actos da Facultade de Filosofía, o Grupo de Estudos Audiovisuais participa nunha mesa redonda sobre “Cinema Galego”, integrada polas investigadoras Margarita Ledo Andión e Marta Pérez Pereiro, que estarán acompañadas por Xacio Baño e Xosé Nogueira, este último como moderador.
A intervención parte da análise do ‘Novo Cinema Galego’ como unha das manifestacións máis importantes do ‘Outro Cinema Español’, considerando o éxito en festivais internacionais de cineastas como Óliver Laxe, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Ángel Santos, Xacio Baño, Anxos Fazáns ou Diana Toucedo.
«Dous factores contribuíron a esta situación: a política cinematográfica desenvolvida a partir de 2006 desde a Axencia Galega do Audiovisual, con axudas ao talento destinadas directamente aos creadores (sen necesidade dun produtor ou empresa) e a coincidencia no tempo destes filmes co inicio da transformación tecnolóxica-mediática dos últimos anos, que radicalizou as formas do cinema independente, caracterizado agora pola hibridación formal e a experimentación con xéneros e formatos. Esta mesa redonda reúne a varios representantes da historiografía, a análise, a crítica, a programación e a direción cinematográfica na Galiza co obxectivo de reflexionar sobre este proceso e falar sobre o presente e o futuro do cinema galego».
O debate contará a seguir coa proxección de Trote (2018) de Xacio Baño, coa presenza do director. O filme conta a historia de Carme, unha muller que vive nunha aldea galega do interior co seu pai, Ramón, con quen apenas se comunica, e coa súa nai doente. Carme traballa nunha panadaría e precisa fuxir dese ambiente opresivo, mais semella que as circunstancias sempre lle impiden dar ese paso.
O martes 14 ás 18.00h Marta Pérez Pereiro modera a mesa “Contra narrativas fílmicas feministas en México y en España: del cine huérfano y cine militante a las prácticas háptico-performativas contemporáneas”. Nela intervirán Marta Álvarez (UBFC, Francia), quen abordará a contranarrativa feminista dos filmes de María Cañas, e Elena Oroz (UCM3), quen se centrará no papel do cinema como ferramenta contraideolóxica no caso de Cine Mujer (1975-1981). Despois, ás 20.00h, Margarita Ledo Andión presentará o libro A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galega no marco do congreso. Esta presentación anticipa o acto que terá lugar o vindeiro xoves 16 na libraría NUMAX, con presenza de diversas/os autoras/es deste estudo editado polo Grupo de Estudos Audiovisuais e Galaxia.

O Festival de Málaga retoma as xornadas Málaga Docs coa publicación do libro colectivo El documental en España. Historia, estética e identidad, editado por Cátedra e o propio festival. Complementando a presentación deste volumen celébrase o Encuentro de Cine Documental 2023, En el espejo: una mirada compartida al cine documental en España, que traslada algúns dos […]
A revista Cinema & Território (C&T) é unha publicación científica anual e internacional de arte e antropoloxia das imaxes da Universidade da Madeira (UMa). A C&T está aberta a propostas para publicación de investigadores internos e externos á UMa, que se encadren nos dominios das artes e dos estudos cinematográficos, da antropoloxia visual e das imaxes […]
O certame ten dúas modalidades: monografía e artigo, o premio consistirá nun Diploma acreditativo e unha axuda de até 1.500€ para gastos de publicación do mellor monográfico presentado, e de 400€ para o mellor artigo que supere o proceso de revisión para ser publicado na Revista de la Asociación Española de Investigación de la Comunicación […]