
O Grupo de Estudos Audiovisuais presenta o libro “A foresta e as árbores”
A libraría NUMAX acollerá o acto o día 16 de maio
O xoves 16 de maio ás 20.00 horas a libraría NUMAX acolle a presentación do libro A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galega (2), editado polo Grupo de Estudos Audiovisuais e a Editorial Galaxia baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión.
A foresta e ás árbores, segundo volume da serie Para unha historia do cinema en lingua galega, constrúe, desde a ollada singular das oito investigadoras e investigadores que participan no libro, un itinerario temático co que adentrármonos no cinema galego máis recente. Na mostra de filmes analizados, reflexo tamén da diversidade na cinematografía galega das últimas décadas, avanzamos desde o dó por un mundo que esmorece ao velado —aquilo do que non se fala— na nosa historia; desde o desexo e as súas derivas á necesidade de filmar o íntimo e a nós mesmas.
No acto intervirá a coordinadora do libro e catedrática en Comunicación Audiovisual, Margarita Ledo Andión, e estarán presentes as autoras e autores do volume: Marta Pérez Pereiro, María Soliña Barreiro, Antía López Gómez, Fernando Redondo Neira, José Luis Castro de Paz, Enrique Castelló Mayo, Xosé Nogueira Otero e Iván Villarmea Álvarez.
«Sobordando tópicos, este é un libro no que as árbores deixan ver a foresta, a foresta prata, talvez de bidueiros. Este é un libro que nos pon nas mans un catálogo de filmes que revelan, para alén dos motivos, a posibilidade dunha cinematografía diversa: nas súas propostas estéticas, na proximidade ou no afastamento radical das regras que definen os chamados “xéneros”, na concreción dun modo de pensar o cinema que, paso a paso, se sente parte dunha tradición que relatamos e puntuamos no volume 1, en Marcas na paisaxe».
Agardámosvos!

A Oficina de Igualdade de Xénero da USC outorga ao Grupo de Estudos Audiovisuais a Mención Honorífica en recoñecemento a unha consolidada traxectoria de investigación e actividades formativas con perpectiva de xénero. Entre as iniciativas e accións promovidas polo GEA e valoradas para a concesión desta mención, a Universidade pon énfase no desenvolvemento do CO(M)XÉNERO-Seminario […]
A Asociación Española de Investigación de la Comunicación (AE-IC) acaba de publicar en aberto o libro de homenaxes da última edición do seu congreso internacional, que recoñeceu a traxectoria de Margarita Ledo Andión, Néstor García Canclini e Ramón Zallo. O volume inclúe as laudatorias que lles dedicaron Emili Prado, Miquel de Moragas e Mª Trinidad […]
A Cátedra Juan Antonio Ramírez do Museo Reina Sofía convida á investigadora, cineasta, poeta e escritora Margarita Ledo Andión ao seu programa de conferencias maxistrais. Baixo o título “Exilio. Feminismo. Ensaio fílmico: o corpo como vestixio“, Ledo Andión propón unha reflexión en torno ao corpo como punto de chegada logo de percorrer un fío invisible que […]