Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

O Grupo de Estudos Audiovisuais da USC promove unha xornada de análise sobre a nova Lei do Audiovisual

Profesionais do audiovisual, representantes de entidades de defensa das linguas minorizadas da contorna estatal e persoal investigador en comunicación e políticas públicas únense o 15 de setembro nun encontro aberto á cidadanía

05/09/2022

O Grupo de investigación de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela e a Mesa pola Normalización Lingüística colaboran na organización da xornada ‘Perante a nova Lei do Audiovisual: análise e perspectivas’, un encontro que se desenvolverá o xoves 15 de setembro en Compostela, no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.

A xornada, cara á reflexión e lectura crítica do novo texto normativo publicado este xullo, congrega persoal investigador en materia de comunicación e políticas públicas, profesionais do audiovisual e representantes das entidades de defensa das linguas minorizadas da contorna estatal nun foro aberto á comunidade universitaria e á cidadanía. O tratamento das distintas linguas oficiais, o financiamento, o establecemento de cotas nas diferentes pantallas e a consideración das producións independentes na Lei serán algúns dos tópicos sometidos a exame.

A coordinadora do GEA, Margarita Ledo Andión, abrirá ás 10.00 horas este foro cuxo programa completo está dispoñible en liña. Nas sesións da mañá, a investigadora e docente da USC Antía López Gómez analizará a transposición da Directiva europea ao marco español e Ramón Zallo, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade do País Vasco, fará unha interpretación crítica da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.

A seguir, Marcos Maceira Eiras, da Mesa pola Normalización Lingüística; Francesc Marco Palau, da Palaforma per la Llengua; e Paul Bilbao Sarria, de Kontseilua, conversarán do audiovisual como un sector estratéxico do punto de vista lingüístico, cultural e económico. A partir das 12.00 horas, debullarán os puntos nos que a Lei non atendeu demandas feitas desde Galiza e outras nacións do Estado para preservar a diversidade lingüística no e cultural no eido audiovisual. Entre elas, recordarán o transcendental papel da sociedade galega ao reivindicar a súa importancia a través de propostas como a Iniciativa Xabarín,  para garantir presenza de galego na programación infantil, ou a Iniciativa polo galego no audiovisual, que tentou impulsar importantes modificacións na Lei xeral de comunicación audiovisual.

Xa á tarde, Uxía Caride, da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Lidia Fraga, da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), e Iria Taibo, da Asociación Galega de Profesionais de Tradución e da Interpretación (AGPTI), tomarán parte nunha mesa redonda arredor do estado xeral do audiovisual en Galiza.

Finalmente, a investigadora e docente María Soliña Barreiro pechará a xornada cun resumo das principais conclusións do encontro, que serán obxecto dunha publicación en galego e inglés e remitidas a institucións e entidades da contorna estatal e europea.

Na liña de encontros anteriores promovidos polo GEA, a xornada ‘Perante a nova Lei do Audiovisual: análise e perspectivas’, sitúase na interrelación entre a formación e investigación universitarias, o ámbito profesional e o institucional, responsable das políticas públicas igualitarias e garantes da diversidade cultural e lingüística A asistencia a esta actividade, que conta con financiamento da Xunta de Galicia a través das axudas á Consolidación e estruturación de grupos de investigación, é de balde sen necesidade de inscrición previa.

MÁIS NOVAS
Aberta a inscripción para a décimo terceira edición do CO(M)XÉNERO.”Erro inesperado.  Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”.
O seminario terá lugar os días 10 e 11 de novembro no Visionado 1 e Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.
23/09/2026

Os días 10 e 11 de novembro a Facultade de Comunicación acollerá a decimoterceira edición do seminario CO(M)xénero, este ano titulada “Erro inesperado.  Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”.  A inscrición xa está aberta, a participación é de balde ate completar aforo e a asistencia ó seminario é unha actividade recoñecida para […]

Seguir lendo
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais