O CO(M)XÉNERO 5 reflexiona sobre a violencia sufrida polas mulleres e as súas prácticas de resistencia
A quinta edición do Seminario Permanente de Comunicación e Xénero decorrerá nos días 10 e 11 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación
A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC) acolle, nos días 10 e 11 de novembro, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO que, na súa quinta edición “Recuperar a fala, recuperar a alma”, pon o foco na violencia sufrida por mulleres e nas diversas prácticas de resistencia e autodefensa artelladas dende eidos tan diversos como a recuperación da lingua propia, a recuperación de espazos e obxectos ou mesmo dende a asunción da violencia como lexítima forma de defensa
O seminario, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, co apoio de Xornalistas Galegas, está dirixido a estudantes de comunicación, persoal investigador, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar, dende unha lectura crítica, os medios e as industrias culturais e creativas.
Brigitte Vasallo, escritora e investigadora, inaugurará a xornada do mércores co seu relatorio “Nós, que vimos de fóra. A fala na diáspora coma experiencia queer”. Nacida en Cataluña dunha familia de Chandrexa de Queixa, Vasallo é docente no Mestrado de Xénero e Comunicación da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e no Posgrao de Cultura de Paz da Universitat de Barcelona (UB). O mesmo mércores terá lugar a proxección de Una dedicatoria a lo bestia, dirixido polo colectivo de historiografía crítica nucbeade, que conforman Quiela Nuc e Andrea Beade. A peza pon en escena diversos obxectos atopados na sede do Padroado de Protección á Muller en San Fernando de Henares, que estivo en funcionamento desde 1944 ata 1985. Margarita Ledo, coordinadora do GEA, moderará o debate posterior.
A xornada do xoves incorpora dúas conferencias: “Representación das mulleres no cinema dos orixes: das traballadoras, emigrantes e prostituídas ás revolucionarias, terroristas e sufraxistas”, de Mª Soliña Barreiro, investigadora e docente na Universidade de Santiago (USC). E “Quen eran en realidade as bruxas? Unha aproximación dende a antropoloxía feminista”, de Guadalupe Jiménez Esquinas, docente e investigadora da USC, e Rosalía Quiroga, graduada en Xornalismo e Comunicación Audiovisual pola mesma universidade.
O programa complétase cun obradoiro arredor do proxecto “No nos veréis llorar”, de Elena G. Fraj Herranz, investigadora e docente da Universitat de Barcelona (UB), que se impartirá durante os dous días e contará coa participación de Miguel Ángel Ramos, deseñador gráfico, ilustrador e realizador audiovisual.
A inscrición, de balde, está aberta até o 9 de novembro a través do formulario dispoñible na web do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. As conferencias están limitadas a 75 persoas. O obradoiro audiovisual cun formato máis reducido, ten xa cubertas as súas 30 prazas.
A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]
O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]
O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]
