Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA
Fotografía de @mario.llorca.loureiro

O 12º Congreso Small Cinemas debate na Facultade de Ciencias da Comunicación o futuro da distribución e da conservación dos pequenos cinemas

O GEA organizou este evento itinerante, celebrado por primeira vez en Galicia, no que investigadores e investigadoras de todo o mundo falaron de modelos de distribución, sobre todo nas plataformas de Video on Demand, do impacto da Covid-19 no cinema e dos modos de conservación dos pequenos cinemas

09/11/2021

O 12º Congreso Small Cinemas serviu, os días 28 e 29 de outubro, de espazo de encontro de investigadores e investigadoras que traballan no campo dos small cinemas, un termo acuñado pola profesora Mette Hjort en 2007, quen tamén participou no evento académico. Este evento itinerante tivo nesta edición o título “Do celuloide ao Streaming: conservación e circulación dos pequenos cinemas”, un punto de partida para a reflexión colectiva sobre como os cambios tecnolóxicos afectan á difusión, visibilidade e conservación dos pequenos cinemas.

A ponencia inaugural abordou a supervivencia do cinema danés das orixes e a súa transformación no mundo dixital, unha reflexión da profesora Claire Thomson, da University College London, que tivo resposta virtual da profesora Mette Hjort, da Hong Kong Baptist University. Pola súa banda, a docente da Universitat Oberta de Catalunya, Elena Neira explicou as posibilidades dos pequenos cinemas para achegárense ás súas audiencias na era pospandémica.

O Congreso Small Cinemas acolleu a celebración dunha mesa redonda na que representantes das filmotecas catalá, vasca, galega e portuguesa explicaron os principais desafíos aos que se someten estas institucións encargadas de conservar e poñer en valor o patrimonio audiovisual. A mesa serviu asemade como celebración do Día Mundial do Patrimonio Audiovisual, que cada ano se recorda o 27 de novembro.

Nos oito paneis que conformaron o congreso, que se celebraron de xeito presencial e online, abordáronse distintas liñas de investigación arredor da distribución en plataformas de filmes en linguas minoritarias, do impacto da Covid-19 no cinema, particularmente na exhibición, o as transformacións lexislativas sobre cinema e presentáronse proxectos de conservación de pequenos cinemas como o galego Proxecto Socheo, Nitrato Argentino ou Històries del Punt.

O congreso pechouse coa proxección do filme Os días afogados (2015), dirixido por César Souto Vilanova e Luis Avilés, un exemplo de cinema feito a partir de arquivos e que recupera a memoria do asolagamento en 1992 das aldeas de Aceredo e Burcalque.

Fotografía de @mario.llorca.loureiro

Fotografía de @mario.llorca.loureiro
MÁIS NOVAS
Margarita Ledo e unha representación do GEA en Vilnius (Lituania)
Participan na Conferencia internacional “Personal Perspective and Essayistic Form in Nonfiction Film and Art”
25/09/2023

O GEA participou na Conferencia internacional “Personal Perspective and Essayistic Form in Nonfiction Film and Art” en Vilnius, Lituania. A representación do Grupo de Estudos Audiovisuais estivo formada pola Catedrática Emerita de Comunicación Audiovisual da USC e IP Margarita Ledo, a profesora Marta P. Pereiro e os profesores Cibrán Tenreiro e Eloy Domínguez.

Seguir lendo
IX Congreso Internacional da Asociación Española de Investigación de la Comunicación (AE-IC)
Aberto o Call For Papers
12/09/2023

A Asociación Española de Investigación de la Comunicación (AE-IC) celebrará o seu IX Congreso Internacional na Facultade de Comunicación e Documentación, Campus Espinardo, da Universidade de Murcia, do 28 ao 31 de maio de 2024 baixo o lema “Comunicación e Innovación Sostíbel”. O Congreso convoca aos/ás investigadores/as en comunicación, nomeadamente no ámbito español, europeo e […]

Seguir lendo
Cinema e deporte. Clase xénero e cuestión nacional
Actividade organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais, Cinema. Col.lectiu d´Investigación Estética dels Mitjans Audiovisuals e o Cineclube de Compostela
05/09/2023

Os días 14 e 15 de setembro de 2023 celebrarase no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o seminario Cinema e deporte. Clase xénero e cuestión nacional. Este seminario está organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela, Cinema. Col.lectiu d´Investigació Estètica des Mitjans Audiovisuals da Universidade Pompeu […]

Seguir lendo
© 2023 Estudos Audiovisuais