
A (S8) reflexiona sobre a conservación do cinema experimental
A décima Mostra de Cinema Periférico celébrase do 31 de maio ao 9 de xuño
A (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico desenvolverá a súa 10ª edición desde o 31 de maio até o 9 de xuño na Coruña. A imaxe escollida para celebrar estes dez anos ten como protagonistas a catro elementos vistos con raios X: unha caracola, un cabaliño de mar, unha culebra e unha flor. Inspirados nas primeiras radiografías levadas a cabo por Josef Maria Eder en 1896 para ver que había dentro deles, evocan catro dos alicerces básicos do cinema como son o son, o proxector, a película e a emulsión fotoquímica. Isto encaixa coa celebración da Mostra como espazo que leva dez anos radiografando o cinema, procurando a súa alma.
A conservación de cinema experimental constitúe o foco desta décima edición, arredor do cal xirará gran parte da programación do festival, reivindicando as dificultades e especificidades da restauración dun cinema que vive na marxe, diferenciándose dos mesmos procesos no cinema convencional. A mostra contará coa presenza de expertas/os na materia de prestixio internacional como Bill Brand, Ross Lipman, Mark Toscano e Janine Marchessault, cuxas master classes se complementarán con sesións de cinema restaurado, culminando nunha mesa redonda na que se tratará o tema.
Ademais, a organización destaca as figuras de Malcom Le Grice, pioneiro do cinema expandido e a film performance, que impartirá unha master class arredor do proceso creativo e protagonizará unha sesión con varias das súas pezas máis icónicas; e da artista Charlotte Pryce, que levará a cabo por primeira vez no noso país unha performance con lanternas máxicas.
A distribuidora LUX London recibe este ano a Carta Branca do festival para elaborar unha selección de obras da súa colección baixo o nome “Nothing is Something: Gestures from the Lux Collection”. Tamén se poderá ver a estrea do prototipo colaborativo SEE(W)ING MACHINE, do colectivo Prismáticas, proxecto gañador da BAICC, o programa de residencias artísticas internacionais que o (S8) leva a cabo xunto a Acción Cultural Española e o LIFT de Toronto.
A sección “Sinais” dedicaralle unha sesión monográfica á artista, fotógrafa e cineasta galega Carla Andrade, na que a autora, acompañada por Xisela Franco, amosará a súa relación íntima con Galicia, coa natureza, co territorio, co baleiro, e reivindicará o seu papel de muller que trata de buscar a súa propia linguaxe. Por outra banda, este bloque acollerá tamén a estrea do filme 7 Limbos, de Alexandre Candelo e Berio Molina, cruce entre cinema e arte contemporánea, que irá acompañada dunha serie de accións performativas que prolongarán a experiencia cinematográfica por diferentes espazos da cidade da Coruña máis aló da proxección.
“Sinais en Curto”, seguindo a súa liña habitual, escolma traballos arriscados e vangardistas feitos por creadoras e creadoras de Galicia. O percorrido que festival propón nesta décima edición configura unha especie de historia subterránea de migración, unha peza clave da identidade e o espírito desta terra. Dentro do programa amosaranse as obras máis recentes das creadoras Alexandre Cancelo, Margarita Ledo, Sol Mussa, Alberte Pagán, Carlos Martínez-Peñalver, Adrián Canoura, Samuel Delgado e Helena Girón, que xirarán arredor da idea de migración, a memoria e as ausencias.
A programación complétase con outros variados contidos entre os que se inclúen a sección “Vellos e novos amigos”, unha homenaxe a Jonas Mekas, unha selección do traballo do colectivo mexicano LEC – Laboratorio Experimental de Cine, obradoiros de Madi Piller e Jeannette Muñoz ou unha exposición da fotógrafa Maria Meseguer sobre a historia do festival. Tamén, no marco da (S8), A Cuarta Parede organiza o II Seminario de Crítica, adicado á Programación Online.

O vindeiro día 4 de febreiro, terza feira, ás 11h proxectárase no auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago o filme Morlaix. Posteriormente haberá un coloquio ao que asistirán o director da fita, Jaime Rosales, o Catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade José Luis Castro de Paz e estudantes da facultade. […]
O pasado venres, día 29 de novembro, Rocío do Pilar Sosa Fernández, investigadora en formación do Grupo de Estudos Audiovisuais, defendeu a súa tese doutoral. Obtivo a cualificación Sobresaínte Cum Laude, por unanimidade, e a mención internacional pola estancia de investigación realizada na Universidade de Aalto, en Finlandia. A dirección da tese estivo a cargo […]
A auto-biografía política, dar a ver a súa construción, a marca do dispositivo, o real como material que “debe ser ficcionado para ser pensado (Rancière) é un dos sinais e tamén os arquivos re-significados polas escrituras do “eu”, polo corpo, polos seus ecos, pola actuación… son entradas polas que accedemos ao interior do labirinto a […]