Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

“A Foresta e as Árbores” preséntase no CGAI cunha proxección de “Trote”

Margarita Ledo, Francisco Castro e José Luis Castro de Paz introducirán esta obra colectiva que explora o cinema galego máis actual

10/09/2019

O Centro Galego de Artes da Imaxe acolle o venres 20 de setembro ás 20:30 horas a presentación do libro A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galega (2), editado polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Compostela e Galaxia. A publicación, que continúa a serie iniciada en Marcas na paisaxe, constrúe un itinerario temático ao redor dalgunhas das mostras máis representativas do cinema galego realizado nas últimas décadas do século XXI.

Os catedráticos en Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo Andión —coordinadora do volume— e José Luis Castro de Paz —autor do capítulo «Filmar as pulsións»— serán os encargados de presentar o libro, acompañados do director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. No acto proxectarase tamén a película Trote, de Xacio Baño, seleccionada no 2018 no Festival de Locarno e no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, entre outros. A entrada é de balde até completar aforo.

Trote

A primeira longametraxe do cineasta lugués forma parte da escolma de filmes cos que A foresta e ás árbores percorre, dende a ollada particular das oito investigadoras e investigadores participantes na publicación, a diversidade de propostas que caracteriza a cinematografía galega máis actual, con «obras de ficción por veces, documentais ou en pasaxe entre un e outro territorio as máis», apunta Margarita ledo no prefacio da obra. «Nelas a experiencia de facer cinema emerxe como vieiro inescusábel para a expresión subxectiva; cada película semella querer atinxir a totalidade dos sentidos, abríndolle as portas á figura que mira, á espectadora, que sente que mira e que se sente mirada pola película; cada filme é un golpe de sorte, ese xogo de azar que un público, cada vez máis atento, demanda».

Outras árbores da foresta

Canda Trote analízanse no volume outros traballos de cineastas que conseguiron tamén levar o cinema en galego ás salas comerciais e aos principais festivais internacionais —Longa Noite, de Eloy Enciso; Matria, de Ávaro Gago; Trinta lumes, de Diana Toucedo ou Dhogs, de Andrés Goteira entre eles— con propostas que recuperan a memoria e a historia non contada —A viaxe de Leslie, de Marcos Nine; Esquece Monelos, de Ángeles Huerta— ou aquelas que apostan por filmar o traballo, o íntimo ou a nós mesmas —Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro e Vikingland, de Xurxo Chirro, entre outros exemplos—.

A publicación de A foresta e as árbores encádrase no proxecto de investigación ‘EUVOS. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas’, financiado por FEDER —Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional— e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades-Axencia Estatal de Investigación.

MÁIS NOVAS
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
Luma AI vs. LiDAR: un estudo do GEA avalía a súa accesibilidade na creación de contornas virtuais
22/04/2026

O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]

Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais