Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Tres publicacións promovidas por integrantes do GEA preséntanse no OUFF 2019

A sección «Letras de Cine» do festival busca contribuír á difusión do libro de temática audiovisual

27/09/2019

O Ourense Film Festival 2019, que decorre do 27 de setembro ao 5 de outubro, inclúe este ano a presentación de tres publicacións recentes impulsadas por investigadoras e investigadores do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. Na sección «Letras de cine» do festival daranse a coñecer A foresta e as árbores, segundo volume da serie Para unha historia do cinema en lingua galega, obra colectiva que coordina a directora do GEA, Margarita Ledo Andión; Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira; e o segundo número de Volvoreta. Revista de Literatura, Xornalismo e Historia do Cinema, editada pola Fundación Wenceslao Fernández Flórez, que preside José Luis Castro de Paz.

Esta sección, pensada para contribuír á difusión do libro de temática audiovisual, inaugúrase o domingo 29 de setembro, ás 11:00 horas, coa presentación de A foresta e as árbores (Editorial Galaxia, 2019). María Soliña Barreiro González, docente e investigadora da USC e autora do capítulo «Filmar o dó», será a encargada de introducirnos neste itinerario temático e analítico por algunhas das mostras máis representativas do filmes galegos realizados nos primeiros anos do século XXI.

O martes 1 de outubro, tamén ás 11:00 horas, chega a vez para que o catedrático de Comunicación Audiovisual da USC, José Luis Castro de Paz, dea a coñecer o último número da revista Volvoreta, que leva por título «El malvado Carabel (Wenceslao Fernández Flórez, 1931). Humor e crítica social da novela á pantalla».

Finalmente, o profesor e investigador Fernando Redondo Neira presentará o venres 4 de outubro ás 11:00 horas o libro Os amorodos de Bergman (Editorial Galaxia, 2019), obra gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018, convocado polo Centro Ramón Piñeiro e a editorial Galaxia. O ensaio de Redondo Neira parte dun rexistro fílmico das excursións da Sociedade de Amigos do Campo para reflexionar sobre a imaxe en movemento, ofrecendo unha visión do cinema como unha segunda oportunidade da memoria, unha segunda percepción do vivido.

MÁIS NOVAS
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
Luma AI vs. LiDAR: un estudo do GEA avalía a súa accesibilidade na creación de contornas virtuais
22/04/2026

O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]

Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais