
‘Santa liberdade’ e ‘Longa noite’ proxéctanse no Museo Raíña Sofía
Forman parte do ciclo «As re-voltas da memoria», que aborda o cinema tras as dictaduras de España, Chile e Arxentina
O documental Santa Liberdade (Margarita Ledo Andión, 2004) e o filme Longa noite (Eloy Enciso, 2019) poderán verse este mes de setembro no Museo Nacional e Centro de Arte Raíña Sofía, en Madrid, dentro do ciclo «As re-voltas da memoria».
Este ciclo propón, a través do documental e do cinema-ensaio, distintas formas de abordar a memoria en España, Chile e Arxentina, tres países que comparten a experiencia histórica de ter padecido o drama das dictaduras. Unha experiencia traumática, explican na web do Museo, «que impregna as biografías individuais e colectivas expostas ao terror militar, a censura, a represión, a tortura, a desaparición ou o exilio».
Santa Liberdade proxectarase o venres 25 de setembro ás 19 horas e contará coa presentación da súa directora Margarita Ledo Andión. O filme recompón os grandes trazos da historia da guerra civil española e da dictadura, da resistencia antifranquista e antisalazarista de comezos da década de 1960, recollendo unha historia esquecida pero enormemente reveladora —o secuestro do trasatlántico comercial Santa María por parte dun grupo de insurxentes portugueses e españois que ensaian a bordo unha sorte de república libertaria—, feito que discute a tese de que non existiu un antifranquismo activo.
O luns 28 de setembro, tamén ás 19 horas, poderá verse no Raíña Sofía a longametraxe Longa noite, con presentación e coloquio a cargo do seu director, Eloy Enciso, e Misha Bies Golas, actor principal do filme. Ambientada na posguerra española, o filme reconstrúe a paisaxe emocional da represión franquista a partir de cartas, documentos extraídos de arquivos civís e os escritos de españois exiliados como Max Aub, Luis Seoane, Alfonso Sastre e Ramón de Valenzuela, con actores non profesionais, fillos de exiliados e represaliados pola dictadura.
Todas as proxeccións serán no Auditorio do Edificio Sabatini, de balde até completar a capacidade da sala.
«As re-voltas da memoria» propón distintos exercicios para que a memoria non quede atada ao pasado, a lembrar ou denunciar, senón que tamén explore estratos temporais cheos de fendas, bifurcacións e recunchos. Converxen, neste conxunto de ensaios e documentais, miradas atentas á historia e aos dobramentos da memoria: unha memoria inquisitiva e creadora que transcende o formato monumental para incursionar en narrativas fragmentadas, en campos de visión laterais, en microterritorios corporais e afectivos de identidades magoadas que se permiten a dúbida e a estrañeza como parte da reconfiguración do recordo histórico e persoal.
Máis información na páxina do ciclo no Museo Raíña Sofía.

Este luns 20 de xuño tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC un encontro co deputado do BNG, Nestor Rego, para facer un balance do escenario que se formula para o sector coa aprobación da Lei do Audiovisual. Ao encontro asistiron representantes de varias das entidades que forman a Iniciativa polo audiovisual en […]
Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) organiza o vindeiro día 1 de xullo unhas xornadas de formación presencial dedicadas a analizar aspectos xurídicos da produción audiovisual. O desenvolvemento da xornada terá lugar no Auditorio 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Baixo o título: Marco xurídico do sector […]
A USC, a través da súa Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS), puxo este ano en marcha a primeira edición do Three Minute Thesis (3MT®), un concurso de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento. A doutoranda do GEA, Sara Calvete Lorenzo, é unha das finalistas do certame co vídeo no que […]