“O que arde”, de Óliver Laxe, competirá na selección oficial de Cannes
Será o primeiro filme en proxectarse en versión orixinal galega no festival
O Festival de Cannes vén de seleccionar O que arde, do galego Óliver Laxe, para a sección competitiva Un certain regard. O filme convertirase deste xeito no primeiro en se proxectar en versión orixinal galega nun dos eventos máis prestixiosos do cinema europeo e internacional. E farao ademais coa variedade dialectal de Lugo, pois está ambientado e rodado nos Ancares.
A trama narra, durante as catro estacións do ano, dúas historias en paralelo: a dun veciño, Amador, que regresa á vila após cumprir unha condena acusado de provocar un incendio e a de dous brigadistas que comezan a traballar na loita contra os lumes. Porén, o filme non pon o foco na problemática da queima dos montes, senón no “ritmo milenario” da vida cotiá nesa cultura campesiña crepuscular representada por Amador e a súa nai, que viven na compaña da cadela Lúa e tres vacas.
O director xa colleitou boas experiencias en Cannes, premiado coas súas anteriores longametraxes Todos vós sodes capitáns, Fipresci da Quincena de Realizadores, e Mimosas, Grand Prix da Semana da Crítica. Fronte ao exotismo co que xogaba nas súas obras anteriores, Laxe afirma que O que arde retrata o rural galego procurando afastarse de “costumismos ou lugares comúns”.
A 72ª edición do Festival de Cannes celebrarase entre os días 14 e 25 de maio. A estrea en salas de O que arde está prevista para finais de 2019, con distribución de Numax.
Os días 10 e 11 de novembro a Facultade de Comunicación acollerá a decimoterceira edición do seminario CO(M)xénero, este ano titulada “Erro inesperado. Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”. A inscrición xa está aberta, a participación é de balde ate completar aforo e a asistencia ó seminario é unha actividade recoñecida para […]
A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]
O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]
