Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

O GEA participa no seminario ‘Medios responsables e cidadáns críticos’

Preséntanse os resultados do proxecto de investigación MediaACES

21/11/2018

O xoves 29 de novembro de 2018 a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acollerá o seminario  Medios responsables  e cidadáns críticos. Eficacia e aceptación da rendición de contas en Galicia, no que se presentarán os resultados do proxecto de  I+D+i ‘Accountability y Culturas Periodísticas en España. Impacto y propuesta de buenas prácticas en los medios de comunicación españoles’ (MediaACES |MINECO/FEDER, UE, ref: CSO2015-66404-P). Trátase dunha pesquisa dirixida pola Universitat Pompeu Fabra  na que participa o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC canda a  Universidad Internacional de La Rioja, Mondragon Unibertsitatea, Universitat Jaume I e a Universidad de Sevilla.

Co obxectivo de detectar as culturas xornalísticas existentes en distintos territorios de España así como examinar o impacto das ferramentas de rendición de contas ou media accountability systems, o proxecto realizou unha enquisa a profesionais de Galicia, Madrid, Cataluña e de Euskadi, principalmente, para poder coñecer de primeira man as súas opinións. Ademais, nesta primeira fase da investigación, o equipo investigador procurou coñecer as impresións que os cidadáns teñen sobre a rendición de contas dos medios a través de focus groups, grupos de discusión realizados tamén nos distintos territorios da mostra.

Serán o investigador principal do proxecto, Marcel Mauri, da Universitat Pompeu Fabra, e  a investigadora Marta Pérez Pereiro, do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, as persoas encargadas de dar coñecer en Compostela os datos extraídos até o momento. Estes  servirán para abrir un coloquio coas persoas asistentes. Dirixido a profesionais e estudantes do ámbito da comunicación, o seminario busca xerar un debate para contrastar os resultados acadados e recabar as impresións das persoas participantes sobre a cultura e práctica xornalísticas do territorio.

O evento, de acceso libre, comeza ás 12.00 horas na Aula 8 da Facultade de Ciencias da Comunicación. Canda a celebración en Santiago, o seminario realizarase tamén no resto de sedes das distintas universidades participantes na  investigación.

MÁIS NOVAS
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
Luma AI vs. LiDAR: un estudo do GEA avalía a súa accesibilidade na creación de contornas virtuais
22/04/2026

O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]

Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais