Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Margarita Ledo gaña o Mestre Mateo ao mellor documental con “Nación”

12/04/2021

O filme “Nación”, dirixido pola catedrática de Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo Andión, segue acumulando premios logo de gañar o Mestre Mateo na categoría de Mellor documental. Este galardón engádese á lista de recoñecementos que “Nación” está a acadar en distintos festivais como o Premio á Mellor Dirección dun filme español acadado durante a súa estrea no Festival de Sevilla, ou o premio Cineuropa pola traxectoria fílmica desta directora. O recente premio Mestre Mateo únese, tamén, ao selo do ICAA que recoñece esta produción como “Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero”.

Precisamente, durante a gala de entrega, promovida pola Academia Galega do Audiovisual, Margarita Ledo fixo referencia ao posicionamento da asociación Xornalistas Galegas e do Comité Intercentros da CRTVG en relación ao acontecido días antes no programa “Land Rober Tunai Show” cando se animaba a unha muller a recuperar a súa relación co seu exmozo, ata que ela relata o acoso ao que se sentiu sometida. Na súa intervención, Margarita Ledo lembrou as recomendacións sobre contidos de violencia machista aprobados polo consello de administración da Corporación en 2015 e pechou a súa alocución coa proclama: “Machismo nunca máis na TVG”.

“Nación” chegaba no mes de marzo de 2021 ás salas de cine co aval da traxectoria de Margarita Ledo, considerada unha das figuras máis relevantes da cultura galega contemporánea, tal e como se recoñecía recentemente durante a chegada deste documental á gran pantalla na sala NUMAX, poñéndose de manifesto o ánimo incansable desta xornalista, escritora, académica, cineasta e impulsora insaciable de proxectos no activismo político e cultural.

O filme “Nación” narra a loita das traballadoras da fábrica de Pontesa, nunha procura inspiradora das mulleres galegas na segunda metade do século XX, a través da recuperación desta historia na que se intercalan imaxes de arquivo, testemuñas directas, elementos da cultura popular e reconstrucións ficcionadas dalgúns feitos coa fin de converter este documental nunha homenaxe a todas as mulleres que converteron a fábrica nun referente para a reivindicación dos seus dereitos.

“Nación” segue acumulando semanas de exhibición e  durante o mes de abril de 2021 pode verse nas catro provincias galegas, ademais de Barcelona e Madrid.

 

[Imaxe: David Portela / Academia Galega do Audiovisual]

MÁIS NOVAS
Aberta a inscripción para a décimo terceira edición do CO(M)XÉNERO.”Erro inesperado.  Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”.
O seminario terá lugar os días 10 e 11 de novembro no Visionado 1 e Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.
23/09/2026

Os días 10 e 11 de novembro a Facultade de Comunicación acollerá a decimoterceira edición do seminario CO(M)xénero, este ano titulada “Erro inesperado.  Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”.  A inscrición xa está aberta, a participación é de balde ate completar aforo e a asistencia ó seminario é unha actividade recoñecida para […]

Seguir lendo
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais