
III Premios María Luz Morales
A Academia Galega do Audiovisual destaca o incremento de traballos recibidos
A Academia Galega do Audiovisual celebrou o mércores 3 de abril no Centro Cultural Marcos Valcárcel, pertencente á Deputación da Ourense, a entrega de premios da terceira edición dos María Luz Morales. Estes galardóns promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cunha dotación económica de 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos, agrupados asemade nunha categoría galega e noutra internacional. Esta edición estivo marcada por un incremento de participación que representa a consolidación deste recoñecemento, acadando unha cifra récord de 36 traballos presentados.
As catro premiadas foron Sara Varela (1994) como mellor Videoensaio sobre o Audiovisual Galego con B Positivos, Eire García (1991) como Videoensaio sobre o Audiovisual Internacional con Propaganda de guerra, Pepe Coira como mellor Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego con Argumentos de películas, e Xurxo González como mellor Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional con O palco dum povo: Oliveira 2.0. O alto nivel das obras recibidas levou ao xurado a outorgar un accésit en cada categoría. Irene Basanta Pin, membro do Grupo de Estudos Audiovisuais, recibiu este recoñecemento no Videoensaio sobre o Audiovisual Galego polo seu traballo Nós, as desenfocadas, do que o xurado destacou a necesidade de seguir debatendo sobre a pregunta que expón, seguindo os métodos de parte da crítica feminista, sobre o papel da muller no cinema galego.
O resto dos accésit recaeron en Denisse Lozano por Series Diferentes (Videoensaio sobre Audiovisual Internacional), Sara Donoso por Unha aproximación a mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística (Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego) e Antón Varela por Dialéctida da suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos (Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional).
O xurado estivo formado pola investigadora Isabel Sempere, a xornalista Montse Dopico e artista e docente Carme Nogueira, quen asistiu á gala en representación das tres para ler o seu fallo. Tamén estiveron presentes Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, Eduardo Vidal, deputado de cultura da Deputación de Lugo e Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

O Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais outorga ao último filme de Margarita Ledo Andión o selo que a recoñece como película “Especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero”. A entidade, dependente do Ministerio de Cultura e Deporte, concede este distintivo ás películas que promoven a eliminación de prexuízos, de imaxes e […]
O terceiro volume da serie Para unha historia do cinema en lingua galega, editado polo Grupo de Estudos Audiovisuais e a Editorial Galaxia, está a ter unha moi boa acollida. Os datos da Libraría NUMAX, un dos espazos de referencia en Galicia para a literatura sobre cinema, sitúan neste momento De illas e sereas entre […]
A monografía Modos de ver e ser vistas. As mulleres que coñezo no cinema galego propón unha serie de suxestións para as propostas de artigos como a análise de obras e traxectorias cinematográficas de autoras galegas, a autoría feminina como diferenza, os arquetipos femininos do cinema galego, a representación das mulleres ao fondo do cadro […]