Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Representantes das universidades colaboradoras do proxecto ‘Lusofonía’ visitan Compostela

22/11/2010

O Grupo de Estudos Audiovisuais organizou un encontro de traballo no que participaron os coordinadores dos grupos de recepción incluídos no programa de investigación Lusofonía, Interactividade e Interculturalidade.

Do 16 ao 20 de novembro celebrouse, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a semana de encontro entre os membros do Grupo de Estudos Audiovisuais e os representantes das universidades colaboradoras no traballo de investigación Lusofonía, Interactividade e Interculturalidade: Paulo Serra (Universidade da Beira Interior-UBI, Covilhá-Portugal), Doris Fagundes Haussen e Claudia Peixoto de Moura (Universidade Católica do rio Grande do Sul-PUCRS, Brasil), Itania María Mota Gomes (Universidade Federal de Bahía-UFBA, Brasil) e Antonio Nhaga (Universidade Guinea-Bissau).

O proxecto de investigación combina a análise de contido e os estudos de recepción coa finalidade de detectar as barreiras socio-lingüísticas que impiden a circulación de produtos audiovisuais galegos na área da Lusofonía. Neste contexto, e como quedou reflectido na memoria presentada ao Programa de Promoción Xeral da Investigación Básica da convocatoria de 2008, a creación dos universos de recepción enténdese como un elemento fundamental para o desenvolvemento desta pesquisa.

O traballo directo para organizar a estrutura de coordinación cos diferentes grupos de recepción iniciouse en decembro de 2008 co desprazamento de membros do grupo de investigación a Covilhá (Portugal) e Porto Alegre (Brasil). Nestas primeiras xuntanzas presentouse o proxecto, estabelecéronse as pautas para a conformación dos universos de recepción, analizáronse as tecnoloxías dispoñibles e designáronse aos coordinadores. A través deles iniciouse un plan de traballo de cara á elaboración da plataforma online como principal ferramenta desta investigación. Entregóuselles unha mostra inicial de produtos audiovisuais e un primeiro borrador de cuestionario para detectar posibles barreiras de manexo, comprensión ou interpretación do mesmo. Con estas suxestión avanzouse no deseño definitivo do cuestionario ao tempo que o grupo seguía mantendo contactos cos grupos africanos.

Respecto á conformación dos universos de recepción estabelécese a importancia de que haxa diversidade na composición dos mesmos para a conformación dunha mostra estratéxica. Polo tanto, fíxanse os seguintes criterios: paridade de xénero (50% dos enquisados serán homes e o 50% mulleres), idade (entre 18 e 25 anos), procedencia xeográfica diferente (entorno rural/urbano) e diversidade formativa (alumnos/as de 1º-2º grao e 3º grao-profesores universitarios. Os alumnos de 1º grao serán o 1/3 do total da mostra). Estímase que o número mínimo de integrantes do universo será de 10, e o máximo de 20.

En canto ao cronograma de traballo, fíxase que todos os grupos enviarán antes de xuño de 2009 un primeiro pretest que serve de adestramento previo co cuestionario que servirá de base para desenvolver o software específico desta investigación. Ademais, acórdase que os grupos deberán entregar antes de setembro de 2009 as fichas identificativas dos integrantes do universo de recepción de cada un dos grupos, que se comprometen a participar na análise prevista no ano 2010. Exceptúanse nos casos das universidades brasileiras o peche do terzo da mostra correspondente ao 1º grao que se atrasa ata marzo de 2010 debido ás diferenzas do seu calendario académico respecto ao resto dos grupos.

O traballo desta fase inicial conclúe coa realización doutro pretest de comprobación da ferramenta online para coñecer as dificultades reais do seu manexo, polo que os coordinadores dos grupos deben enviar un report dos erros/suxestións que poidan apreciar de cara a mellorar o software que se presentará definitivamente nunha xuntanza prevista en Santiago de Compostela en novembro de 2009. Nesta xuntanza participarán os coordinadores de todos os grupos (UBI, PUCRS, UFBA e Guinea-Bissau) cos membros do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. Nesta reunión estabelecerase o calendario de traballo na sistemática para a obtención dos datos e resolveranse as posibles dúbidas que poidan xurdir do pretest técnico realizado no mes anterior.

MÁIS NOVAS
Proxección e coloquio: Morlaix (Jaime Rosales, 2024) o día 4 de febreiro
A proxección e o coloquio serán no Auditorio da Facultade de Comunicación
20/01/2025

O vindeiro día 4 de febreiro, terza feira, ás 11h proxectárase no auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago o filme Morlaix. Posteriormente haberá un coloquio ao que asistirán o director da fita, Jaime Rosales, o Catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade José Luis Castro de Paz e estudantes da facultade. […]

Seguir lendo
Defensa da tese doutoral: «Análise do potencial educativo presencial e a distancia utilizando recursos inmersivos en realidade virtual e aumentada».
03/12/2024

O pasado venres, día 29 de novembro, Rocío do Pilar Sosa Fernández, investigadora en formación do Grupo de Estudos Audiovisuais, defendeu a súa tese doutoral. Obtivo a cualificación Sobresaínte Cum Laude, por unanimidade, e a mención internacional pola estancia de investigación realizada na Universidade de Aalto, en Finlandia. A dirección da tese estivo a cargo […]

Seguir lendo
Conferencia de Margarita Ledo Andión na Sorbonne Nouvelle: A imaxe que falta, a imaxe que manca
Será na sala C112A da Sorbonne Nouvelle o día 9 de decembro, ás 11h
02/12/2024

A auto-biografía política, dar a ver a súa construción, a marca do dispositivo, o real como material que “debe ser ficcionado para ser pensado (Rancière) é un dos sinais e tamén os arquivos re-significados polas escrituras do “eu”, polo corpo, polos seus ecos, pola actuación… son entradas polas que accedemos ao interior do labirinto a […]

Seguir lendo
© 2025 Estudos Audiovisuais