O xornalista Alfonso Alonso investiga xunto ao GEA as potencialidades de TikTok no panorama de medios estatais
O estudante remata a súa etapa como investigador grazas ao programa de axudas á investigación promovido pola USC e o Banco Santander
Alfonso Alonso, xornalista especializado en Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión de contidos, vén de rematar un proxecto de investigación sobre a importancia de TikTok como plataforma de difusión de contidos xornalísticos e de marketing en España no marco do Grupo de Estudos Audiovisuais. Entre os resultados das súas pescudas, destaca a crecente incorporación dos medios máis prominentes da escena estatal na rede social e a compilación dunha serie de técnicas para conectar cos seus usuarios.
O traballo, que leva por nome “Investigación das potencialidades de TikTok no campo da comunicación: novas tendencias de consumo” contou coa coordinación da catedrática de Comunicación Audiovisual e IP do GEA, Margarita Ledo Andión, así como coa titorización da profesora Ana Isabel Rodríguez Vázquez. A pesquisa realizouse ao abeiro das bolsas de iniciación á investigación promovidas polo Banco Santander e a USC para alumnos de mestrado, neste caso, o Máster en Xornalismo e Comunicación.
TikTok acadou o podio das redes sociais con maior porcentaxe de crecemento no escenario global co confinamento, converténdose en todo un fenómeno de estudo, o que animou ao investigador a embarcarse neste proxecto. O xornalista resalta que cada vez son máis os medios da comunicación que apostan por TikTok para espallar os seus discursos. Ademais, engadiu que o 2019 supuxo un punto de inflexión para os principais actores da comunicación, que apostaron progresivamente pola súa incorporación na plataforma coa pretensión de achegarse ás novas audiencias dixitais.
A través da metodoloxía exploratoria-descritiva, as súas pescudas revelaron un crecente interese pola plataforma no seo dos medios estatais máis prominentes. No momento da análise, os datos evidenciaron que un terzo dos medios analizados contaba con presencia na rede social e a metade deles amosaba certo grao actividade. “Atopámonos fronte a unha tendencia clara. TikTok erixiuse xa como canle de información e publicitaria en soportes impresos, dixitais, televisivos, radios e influencers“, indicou o xornalista.
Porén, a rede social da viralización deixa tras de si numerosos debates para o sector da comunicación sobre os que se pronunciaron algúns dos medios estudados, que decidiron colaborar amablemente na investigación aportando as súas testemuñas. Alfonso Alonso subliñou que TikTok agravou certos problemas do xornalismo que arribaron coa aparición de Internet: “en TikTok os medios concentran os seus esforzos en condensar a maior cantidade de información no menor tempo posible namentres tentan non desbotar o entretemento para aproximarse ás xeracións do milenio. Outra dificultade relacionada é o papel do algoritmo á hora de influír na súa transmisibilidade e caducidade”.
Para Guacimara Castrillo, a responsable das redes sociais do diario El Mundo, un dos pioneiros entre os medios de información xeral no ámbito estatal, TikTok é unha oportunidade para “facer marca” entre unha xuventude con interese por saber o que pasa no mundo. Explicou que “o xornalismo debe estar alí onde se consuma información”. No eido dos medios especializados, Manuel Romero, coordinador online do diario Sport, apuntou que a presencia na rede social é imprescindible co gallo de non perder a “unha xeración que non consome xornais e que non ten por costume buscar información para ler”.
Por outra banda, Isabel Sánchez, responsable de RTVE dixital, concordou en que é o momento máis oportuno para producir contidos en TikTok e remarcou que a rede supón unha vantaxe para que o sector chegue a públicos aos que non sería posible chegar por outras canles. Manuel Romero, encargado das redes sociais de Canal Sur Radio afirmou que TikTok lles permite explorar unha serie de posibilidades e puxo como exemplo un programa presentado por dous tiktokers que se encargan de escolmar temáticas.
Con respecto do marketing, Alfonso Alonso descubriu que o potencial de TikTok en este campo é evidente, posto que é unha rede social onde prima o rápido e o efémero: “O usuario está afeito a toparse con contidos inesperados, polo que é máis receptivo ás campañas dos anunciantes”, engadiu. Ademais, o investigador fixo fincapé na relevancia dos influencers como eixo central das campañas de marketing : “A súa grande traxectoria, xunto co amplo coñecemento da linguaxe da rede social, os converten en personaxes decisivos para sementar tendencias e incidir nas campañas publicitarias”.
O proxecto concluíu coa compilación dun conxunto de estratexias para producir contidos e acadar impacto na rede da viralización. Entre elas, contempláronse as potencialidades dos duetos e das tendencias, o emprego da comunicación emocional, o mergullar aos usuarios nas rutinas de traballo profesionais dos medios ou a aposta decidida pola marca persoal. “Hai tres anos, cando as e os docentes valoraban a idoneidade de TikTok para emprazar contidos xornalísticos botábamos a rir. Pouco despois, xornais como Le Monde e o Washington Post xa o estaban tomando en serio. Ao final, a comunicación estará alí onde haxa xente disposta a comunicarse”, sentenciou o xornalista.
O pasado venres, día 29 de novembro, Rocío do Pilar Sosa Fernández, investigadora en formación do Grupo de Estudos Audiovisuais, defendeu a súa tese doutoral. Obtivo a cualificación Sobresaínte Cum Laude, por unanimidade, e a mención internacional pola estancia de investigación realizada na Universidade de Aalto, en Finlandia. A dirección da tese estivo a cargo […]
A auto-biografía política, dar a ver a súa construción, a marca do dispositivo, o real como material que “debe ser ficcionado para ser pensado (Rancière) é un dos sinais e tamén os arquivos re-significados polas escrituras do “eu”, polo corpo, polos seus ecos, pola actuación… son entradas polas que accedemos ao interior do labirinto a […]
A Academia Galega do Audiovisual entregou na terza feira, día 12, os galardóns da oitava edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición, premiáronse dous videoensaios e dous ensaios escritos. Esta iniciativa pioneira conta co respaldo das catro deputacións galegas. A entrega de premios tivo lugar no Pazo […]