Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Martín Barbero, na memoria

Intervención de Margarita Ledo na sesión-homenaxe que lle dedicaron as investigadoras e os investigadores do espazo latinoamericano no IV Congreso da AE-IC (Madrid, 2016). Séxalle leve a terra

14/06/2021

Arredor de Jesús Martín Barbero:

Mapa para voos nocturnos

Margarita Ledo Andión

No prefacio a Vol de nuit, 1931, de Saint-Exupéry, André Gide fálanos de “le surpassement de soi et le sens de devoir”. E talvez por iso é común atopar nos escritos do propio Martín Barbero ademais de nos seus analistas ese topos que nos adentra na noite de maneira “lenta e bela”, como cando Fabien, o piloto do voo-correo entre Patagonia e Bos Aires, contempla como cada casa prende a súa estrela, o seu santo e seña de casa habitada.

“Para mí es más importante desde dónde pienso, que qué es lo que pienso” dicíalle, o luns 22 de maio de 2017, Jesús Martín Barbero a Omar Rincón. E o profesor Rincón repetiuno na conferencia inaugural do Congreso de IAMCR en Cartaxena de Indias, un lugar no que esperábamos atopar ao Martín Barbero “pasador”, ao piloto que expande e ás veces corcose o seu mapa nocturno para explorar un novo campo, tal e como reza a nota 3 nun dos seus cadernos, atopar o cartógrafo mestizo que, sen cesar, tantea.

Superación do seu propio límite e busca dese lugar, neste caso América Latina, dende onde decide relatarse aos outros. Este é o xiro que imos mimar no pensamento da persoa que nos convoca, do intelectual-intérprete ou do que vai para a praza porque resinte,  na xusta observación de Blanchot, “le souci de l’autre”.  E farémolo apoiándonos nalgunhas das autoras que el mesmo cita e en aspectos como a dimensión constitutiva das linguas na percepción do mundo ou na súa posición arredor dun comodín tan manexado como diversidade porque foi capaz de explicalo como iso “que está aquí, que nos acosa de cerca”, insistiu na conferencia que o 29 de abril de 2010 pronunciou en Santiago de Compostela.

Pouco antes, no seu segundo Congreso e na cidade de Málaga, a AEIC recoñecía en Martín Barbero un dos seus referentes orgánicos.  E cando na súa intervención  declarou que unha das marcas do século emerxeu na consigna realizativa “o persoal é político”,  souben por que recorrera tantas veces á obra De los medios a las mediaciones que, neste momento,  persoas tan dispares, lemos xuntas.

Entrecruzar Política, Cultura e Comunicación  supuxo un cambio que nos trouxo a aparición do outro, da outra como “rostro” no que recoñecemos a pegada de Levinas;  como esa alteridade que lle dá sentido á acción de mirar e que nos conduce cara á espesura, cara ao que ven os outros e nós non vemos (no cine o a telenovela, o seu campo de probas), mentres as ás do artefacto técnico se converten nunha posibilidade que permite celebrar, unha vez máis, a perda do obxecto a favor do proceso, tal e como retoman na súa introdución os profesores Moragas e Terrón,  para  sobrepasar  o acontecemento e tocar o tecido áspero dos procedementos de verdade  nalgunha das “iluminacións profanas” que, co seu querido Benjamin como autor-fonte, Barbero desenvolve e comparte, baixo o signo da interculturalidade e a sostibilidade cultural, con  autoras e autores de Latinoamérica e do mundo.

“Toda identidad se genera y se constituye en el acto de narrase como historia, en el proceso y en la práctica de contarse para los otros”, escribe nun texto recente, 2014,  para a revista académica MATRIZes da USP; unha idea que, seguindo a estela da súa mecánica de traballo, vén nutrindo e aquilatando, de maneira visible e de modo latente, dende a saída á ágora da obra que nos convoca.

Ao fondo, o “entrecruzado de radiacións” que Paul Ricoeur localiza na tradución ao entender que é aí onde aprendemos –cito- as verdadeiras posibilidades e tamén os límites de calquera intercambio entre culturas. E esta idea de límite, de que “as culturas se coñezan entre si y se recoñezan como tales nas posibilidades e nos límites  do intercambio entre as mesmas”,  resulta seminal nas políticas da diversidade. Como exemplo, volvo a mirada cara a palma da miña man e véxome dinamizando varios proxectos de investigación neste sentido, o último co título “Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas” co selo 2018,  Ano Europeo do Patrimonio cultural material, inmaterial e dixital, que se articula a partir dunha idea moi simple sobre a que Martín Barbero chama a atención: as declaracións e homenaxes permanentes á diversidade cultural son inversamente proporcionais ao que pasa no plano das políticas protectoras e incentivadoras da mesma, núcleo da súa intervención en Santiago de Compostela, cidade á que viaxou en compaña de Elvira Maldonado e que serviu para congregar á Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación, AGACOM, ao seu redor.

A linguaxe non é exterior á acción. Esta capacidade performativa é sempre, para el, anuncio dun programa de transformación –alfabetizar, liberar a palabra- que xa está na súa tese doutoral e que Thomas Tufte recollerá nun texto o mesmo ano 2010, a partir da lectura que o noso intelectual-intérprete realiza do lingüista danés Hjelmslev. Son cuestións que acostumamos atopar nos seus textos, que se van enriquecendo dun a outro con observacións singulares, con préstamos dende múltiples orixes e que nos quitan o medo a pensar e a establecer novas relacións e outras hipóteses.

E talvez polos ecos dun sistema lingüístico compartido entre Galego e Portugués, o xeógrafo brasileiro Milton Santos,  a súa mirada sobre a globalización como perversidade e possibilidade, como xeradora de desigualdade e precariedade abismal pero, ao tempo,  como un inmenso horizonte utópico que denomina “universalidade empírica” [que,  se pasamos á acción, permítenos unir tempos e espazos, como fixo o feminismo o 8 de marzo, despois de décadas de experiencias na rede] Milton Santos, diciamos,  esa “presenza dunha ausencia” que acostumamos a chamar saudade, foi un convidado moi especial naquela sesión memorable en Compostela, mentres aprendiamos a mirar dende outro lugar os síntomas peores do neoliberalismo e a pensar na “centralidade da periferia non só no plano dos países senón do social marxinado” para o que o retorno da política é un elemento nodal, que non pode estrañarse dos estudos de xornalismo e de comunicación. O profesor-organizador contóunolo desta maneira: nun tempo no que a Teoría da Dependencia estaba posibilitando a apropiación latinoamericana da socioloxía, da historia e da economía, quixemos facer un plan de estudos que asumira, sen ningún chauvinismo nin provincialismo, a tarefa de traballar creativamente na produción dunha teoría que tivera como eixos as experiencias e as memorias culturais e comunicativas dos pobos latinoamericanos.

Centralidade da periferia que a Dra. Maria Inmacolata Vasalo Lopes tamén converte nunha das ancoraxes da súa proposta ben recente sobre lo que denomina “teoría barberiana da comunicação”, publicada no monográfico de MATRIZes, proposta na que entrelaza epistemoloxía, conceptos e método ao tempo que nos lembra  aquel “calafrío epistemolóxico” que Martín Barbero sempre pon de exemplo para visibilizar o momento en que toma conciencia “do desprazamento metodolóxico indispensable, feito á vez de achegamento etnográfico e distanciamento cultural, que lle permite ao investigador ver coa xente, e á xente contar o visto por eles”, ata dialogar nesta última etapa, segundo a investigadora brasileira, tal e como fai Jacques Rancière, cos múltiples réximes de sensibilidade.

En canto a min, cada vez que leo os ensaios de Beatriz Sarlo sobre ese Benjamin cuxa sinécdoque é o que denomina  “método poético en acción”,   con “a cita [que] viaxa dunha escritura a outra, [que] é arrincada da súa escritura orixinal, da súa aura, para fundirse noutra escritura e rodearse doutras marcas e outros sentidos”, penso en Barbero. E como Benjamin véxoo acompañando á Hélène Cixous que comenta: sempre tiven unha especie de visión panorámica da nosa época: ao estar no balcón do noso piso en Orán, estaba no balcón do século, e víao desenvolverse implacablemente detrás de min, diante de min, arredor de min, no futuro, e eu estaba dentro.

O texto, que neste punto se recobre coa néboa da ausencia, lévame a  finalizar cunha cita que tamén viaxa dende un filósofo e teólogo de Galicia, Andrés Torres Queiruga, no que localizo tantas coincidencias co profesor da Javeriana de Bogotá -a fenomenoloxía,  Ricoeur,  toma de posición contra a dependencia e a favor da liberación-, que  fai apenas un mes, no curso dun congreso galego-portugués arredor da saudade, usaba como material, entre outros materiais, o poema Campanas de Bastabales de Rosalía de Castro,  a autora que dende mediados do XIX –cito- “recuperou o carácter cognoscitivo do sentimento.  E recuperouno xustamente desvelando a complicidade e coaptación entre o suxeito e o mundo.  De sorte que a videncia do sentimento ten carácter polar: revela a realidade obxectiva en canto afectando o suxeito, e revela sobre todo o suxeito en canto reflectindo o seu acordo ou desacordo coa realidade”.

Acordo ou desacordo coa realidade que, regresando a Gide, nos conduce a ese “surpassement de soi”, a esa superación do seu propio límite que define ao mestro Jesús Martín Barbero.

 

 

 

 

 

MÁIS NOVAS
Defensa da tese doutoral: «Análise do potencial educativo presencial e a distancia utilizando recursos inmersivos en realidade virtual e aumentada».
03/12/2024

O pasado venres, día 29 de novembro, Rocío do Pilar Sosa Fernández, investigadora en formación do Grupo de Estudos Audiovisuais, defendeu a súa tese doutoral. Obtivo a cualificación Sobresaínte Cum Laude, por unanimidade, e a mención internacional pola estancia de investigación realizada na Universidade de Aalto, en Finlandia. A dirección da tese estivo a cargo […]

Seguir lendo
Conferencia de Margarita Ledo Andión na Sorbonne Nouvelle: A imaxe que falta, a imaxe que manca
Será na sala C112A da Sorbonne Nouvelle o día 9 de decembro, ás 11h
02/12/2024

A auto-biografía política, dar a ver a súa construción, a marca do dispositivo, o real como material que “debe ser ficcionado para ser pensado (Rancière) é un dos sinais e tamén os arquivos re-significados polas escrituras do “eu”, polo corpo, polos seus ecos, pola actuación… son entradas polas que accedemos ao interior do labirinto a […]

Seguir lendo
O investigador do GEA, Manuel Barreiro Rozados gaña o Premio María Luz Morales
Foi premiado na categoría "Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional"
15/11/2024

A Academia Galega do Audiovisual entregou na terza feira, día 12, os galardóns da oitava edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición, premiáronse dous videoensaios e dous ensaios escritos. Esta iniciativa pioneira conta co respaldo das catro deputacións galegas. A entrega de premios tivo lugar no Pazo […]

Seguir lendo
© 2024 Estudos Audiovisuais