Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Comeza o ‘II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’

07/10/2015

O proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC), desenvolvido por 5 grupos de investigación galegos, entre eles o Grupo de Estudos Audiovisuais dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), organiza o ‘II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’. Celébrase en horario de mañá e tarde durante o mércores 7 e o xoves 8, rematando na mañá do venres 9, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No encontro participarán investigadores, comunicadores, organizacións sociais e activistas ligados aos catro grupos sociais cos que traballa o proxecto CIDEC: persoas con diversidade funcional, mulleres, infancia e xuventude, e persoas migrantes. O II Encontro ten por obxectivo recoller experiencias de participación nos diversos colectivos sociais e comunidades, así como idear entre estes, os comunicadores e os investigadores sociais, ferramentas, accións e procesos que axuden a unha mellor comunicación entre todos eles e permitan un coñecemento e recoñecemento igualitario e compartido. O proxecto CIDEC está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea.

Observatorio Cidadán da Comunicación, mesas de debate e un obradoiro

Dentro do II Encontro, presentarase, o xoves ás 12.30 h., o Observatorio Cidadán da Comunicación (OCC), unha ferramenta de análise e reflexión sobre a comunicación en tódalas súas vertentes, prestando especial atención á labor dos medios de comunicación. Dito Observatorio nace coa vontade de facilitar a participación dos grupos sociais vulnerables no eido comunicativo. Así mesmo, terán lugar tres mesas de debate, unha entre comunicadores e organizacións sociais (mércores 7, 16 h.), outra entre estas últimas e investigadores (xoves 8, 9.30 h.), e unha terceira entre académicos e comunicadores (xoves 8, 16 h.). Nestas mesas abordaranse os pasos a dar para que os grupos de atención social prioritaria poidan pasar do eido da representación ao da participación na xestión do común.

Por outra banda, o colectivo Ergosfera impartirá un Obradoiro de mapas socio-comunicativos participativos, durante as mañás do mércores 7 e o venres 9. No que se reflexionará, dende o local, os problemas dos grupos de atención social prioritaria, así como os actores, as dinámicas e os recursos existentes. O Encontro rematará coa lectura das conclusións das diversas mesas o venres ás 13 h. Todas as sesións do Encontro levaranse a cabo no Visionado 1 da Facultade, e estarán abertas a toda a cidadanía. Salvo o obradoiro de mapas socio-comunicativos, que se celebrará na Aula Informatizada 7 e que require de inscrición previa.

MÁIS NOVAS
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
Luma AI vs. LiDAR: un estudo do GEA avalía a súa accesibilidade na creación de contornas virtuais
22/04/2026

O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]

Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais