Aberto o prazo de envío de propostas para VARIA, o novo número de C&T
A revista anual Cine e Territorio pecha a recepción de resumos o 30 de abril de 2022
Cinema e Território (C&T), a Revista Internacional de Arte y Antropología de las Imágenes, mantén aberta a chamada de artigos para a súa edición anual ata o 30 de abril de 2022. Trátase do número 7 titulado VARIA que está previsto que se publique en novembro/decembro deste mesmo ano. Promovida pola Universidade da Madeira (Portugal), esta publicación asocia as artes visuais coa antropoloxía e a noción de territorialidade a través da reflexión científica. Segundo destaca o comité editorial, “o cine parece máis ca nunca interpelado pola cuestión do territorio, a súa travesía e os seus límites”. Un cruce de fronteiras que continuou “particularmente no campo da distribución cinematográfica permitindo un maior coñecemento do cine (fronteiras horizontais) e unha distribución ás veces desigual da produción (fronteiras verticais)”.
Neste contexto, o novo número de C&T abre novas vías para o debate e supón a continuidade dun proxecto iniciado no ano 2016 como rexistro científico do traballo que se desenvolve durante os Encontros Internacionais Cinema & Territory co obxectivo de ser un referente para “a comunidade científica en xeral e, especialmente, para aquelas áreas nas que o cinema vai da man”. Como destaca o comité organizador deste evento anual que se celebra en Funchal (Madeira-Portugal), “fálase de cine a partir dunha reflexión sobre o uso dos métodos audiovisuais como instrumentos de observación, transcrición e interpretación antropolóxica en estreito diálogo co concepto de territorio”.
Para este novo número, a revista convida aos potenciais autores a enviar propostas que reflictan a “a variedade, as variações e o variar, ou por outras palavras, a confluência interdisciplinar, a riqueza de expressões, e o contrariar da uniformidade”. Para cumprir coa chamada de artigos para o vindeiro número só é necesario enviar un resumo (abstract) cos principais datos da proposta. En caso de ser aceptada, ábrese o prazo para o envío do artigo completo antes do 30 de setembro de 2022.
A revista Cinema & Territorio iniciou en 2019 o proceso de indexación nas bases de datos internacionais e ofrécese en acceso aberto seguindo o principio de poñer o coñecemento ao dispor do público de xeito gratuíto e co fin de fomentar a democratización do coñecemento a nivel global. Actualmente figura como publicación no DOAJ (Directory of Open Access Journals), ERIH PLUS (European Reference Index for the Humanities and Social Sciences) ou LATINDEX (Sistema Rexional de Información en Liña para Revistas Científicas de América Latina, El Caribe, España e Portugal), entre outros.
Os días 10 e 11 de novembro a Facultade de Comunicación acollerá a decimoterceira edición do seminario CO(M)xénero, este ano titulada “Erro inesperado. Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”. A inscrición xa está aberta, a participación é de balde ate completar aforo e a asistencia ó seminario é unha actividade recoñecida para […]
A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]
O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]
