Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

A Facultade de Comunicación acolle un grupo focal internacional de análise do potencial da realidade mixta na contorna académica universitaria

A actividade realizouse no marco do proxecto europeo “CloudClass: Low Cost, Mobile, Cloud & Template Based Augmented Reality Studio for Education' que o GEA lidera na USC.

23/02/2024

Dous investigadores do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, Roi Méndez Fernández e Rocío del Pilar Sosa Fernández, guiaron este grupo focal internacional, en coordinación con Jim Playfoot (WhiteLoop) e Kateryna Holubinka (Open Universiteit Nederland), no que participaron unha decena de membros representantes da diversidade da comunidade universitaria da USC: profesorado, persoal técnico e alumnado de programas de doutoramento de disciplinas tan diversas como as ciencias da comunicación, historia, ciencias da educación, psicoloxía, informática e química.

A partir de exemplos de uso nas diferentes universidades que forman parte do partenariado deste proxecto europeo, os participantes discutiron activamente sobre a viabilidade, interese de uso, potencialidades, formatos axeitados e vantaxes pedagóxicas que a tecnoloxía de realidade mixta, empregada nos platós virtuais de televisión, pode aportar ao ámbito educativo universitario.

Esta xornada enmárcase no proxecto `CloudClass: Low Cost, Mobile, Cloud & Template Based Augmented Reality Studio for Education’ (Eureka Eurostars – E115354), que busca a simplificación e perfeccionamento destas tecnoloxías para o seu uso por persoas non expertas, como poden ser docentes e discentes no ámbito universitario.

O consorcio que desenvolve o proxecto conta con seis compoñentes principais: Brainstorm Multimedia, empresa española que desenvolve o software de realidade extendida; Stryme, compañía austríaca encargada de levar a execución do programa á nube para simplificar os requerimentos técnicos do mesmo; WhiteLoop, empresa británica que leva parte da consultoría educativa; Universidade Aberta dos Países Baixos, parte académica encargada de explorar o uso da tecnoloxía en contornas de docencia a distancia; a Universidade de Alicante, na que se realizan probas da versión de escritorio do software e a Universidade de Santiago de Compostela que, facendo uso das instalacións do plató virtual situado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, transcende os límites tecnocreativos para a creación de contidos educativos nunha contorna profesional.

A xornada finalizou cunha visita dos participantes ás instalacións do novo plató virtual sito na Facultade de Ciencias da Comunicación, que ven de ser renovado e que pronto se conformará como un servizo accesible a toda a comunidade universitaria.

MÁIS NOVAS
Aberta a inscripción para a décimo terceira edición do CO(M)XÉNERO.”Erro inesperado.  Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”.
O seminario terá lugar os días 10 e 11 de novembro no Visionado 1 e Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación.
23/09/2026

Os días 10 e 11 de novembro a Facultade de Comunicación acollerá a decimoterceira edición do seminario CO(M)xénero, este ano titulada “Erro inesperado.  Artesás e sintéticas contra as violencias na imaxe pública”.  A inscrición xa está aberta, a participación é de balde ate completar aforo e a asistencia ó seminario é unha actividade recoñecida para […]

Seguir lendo
O Grupo Estudos Audiovisuais aborda o impacto da Lei Xeral do Audiovisual na diversidade lingüística e cultural con figuras expertas da academia e do sector audiovisual 
O II Simposio Internacional LEXCAV terá lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación o 29 e 30 de xuño e servirá de peche ao proxecto do mesmo nome
09/06/2026

A aprobación da Lei Xeral do Audiovisual en 2022 actualizou o marco normativo español en materia audiovisual, abordando algúns dos retos presentados por axentes como as plataformas de streaming pero deixando abertos algúns outros no relativo á protección da diversidade. O proxecto LEXCAV, financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada a los Retos de la Sociedad e desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais, ten realizado nos […]

Seguir lendo
Recoñecemento ao talento de Margarita Ledo e Manuel Barreiro na V Gala da Cultura
30/04/2026

O Teatro Colón da Coruña foi o escenario este venres da V Gala da Cultura, unha cita na que a Deputación da Coruña reuniu 19 persoas premiadas en 13 categorías. O evento, presentado pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, contou coa actuación de Caamaño & Ameixeira e cunha destacada presenza […]

Seguir lendo
INVESTIGACIÓN / MARCO VINCULADO
Visualización avanzada e interacción aplicada a escenarios virtuales
Autor/a: Roi Méndez FernándezDirector/a: Enrique Castelló MayoData de lectura: 18/04/2017
© 2026 Estudos Audiovisuais