Visualización avanzada e interacción aplicada a escenarios virtuales
As técnicas de visualización avanzada e interacción persoa-computador habitualmente utilizadas nos mundos da realidade virtual e aumentada teñen outros moitos campos de aplicación. Nesta tese estúdase a súa aplicación a dous destes entornos: os platós virtuais de televisión e os museos interactivos.
O primeiro caso proponse unha nova arquitectura hardware e software escalable e distribuída que permite a inclusión áxil de novos dispositivos de cara a mellorar a interactividade dos platós virtuais de televisión, permitindo afrontar, desta forma, un dos retos históricos desta tecnoloxía que na actualidade segue sen estar resolto. Por outro lado, realizouse un estudo e proba de diferentes técnicas de visualización avanzada que permitan unha mellor integración dos mundos virtual e real.
No campo dos museos interactivos preséntanse catro desenvolvementos que fan uso de dispositivos e metáforas de interacción novidosas de cara a facelos máis atractivos para o usuario. Descríbese o proceso de deseño, implementación e posterior exhibición dos módulos expositivos en distintos museos interactivos, analizando o valor engadido aportado polas técnicas de visualización avanzada e interacción utilizadas en cada caso.