Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Remata a rodaxe da webserie interactiva “Amnesia 3.0”

A integrante do GEA Irene Pin dirixe este proxecto, premio á produción no Carballo Interplay

11/09/2019

Amnesia 3.0, webserie gañadora do premio a desenvolvemento de proxecto na última edición do Carballo Interplay (CIP), rematou o pasado domingo a súa rodaxe, que tivo lugar entre os concellos de Santiago de Compostela, Carballo e Zas. A integrante do GEA Irene Pin é guionista e directora desta aventura audiovisual, logo de erguerse co premio xunto ás antigas alumnas da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC Iria Iglesias e Natalia Porca. Co apoio económico do galardón estrearán en 2020 3 capítulos de 10 minutos de duración, que presentan varias versións.

Amnesia 3.0 é unha webserie interactiva na que o espectador pode escoller o punto de vista desde o que se conta a historia. As distintas focalizacións do relato pretenden incidir sobre a importancia non só dos feitos que che contan, senón de como chos contan e, sobre todo, quen. De tal xeito, as súas creadoras traballan con moita inspiración de Black Mirror para construír unha historia de ciencia ficción que promove a reflexión filosófica sobre a memoria e a identidade, desde unha perspectiva galega e con forte compromiso social.

A equipa está conformada por mozas e mozos de diferentes áreas do mundo audiovisual, de demostrada valía a pesar da súa xuventude. A ficción está protagonizada por Vanessa Dorrei, Daniel Celester, Sara Ferro e Duarte Galbán. O elenco combina estes novos talentos interpretativos con caras coñecidas do panorama audiovisual galego, como Monti Castiñeiras, Isabel Naveira e Sabela Arán.

Sinopse

265-C érguese cada mañá para seguir o seu plan de actividades, sen lembrar o que aconteceu o día anterior. Axudadas por un software implantado nos seus cerebros, as persoas borran a información asimilada no apartado da memoria a curto prazo, deixando que as súas axendas electrónicas guíen a súa vida cotiá. Pero dentro desta harmoniosa utopía, hai quen sobrevive na marxe. Son excluídxs, habitantes das Estremas, gardiás dun pasado sepultado. As irmás Fiz e Lía farán colisionar este territorio ao entrar na vida de 265-C, tratando mediante unha tecnoloxía arcaica de facerlle lembrar. Ao mesmo tempo, as súas accións son perseguidas e monitorizadas por un anónimo inspector do Departamento de Seguridade Global.

MÁIS NOVAS
Margarita Ledo Andión participa no Málaga Docs
A profesora Ledo Andión escribiu o limiar do libro colectivo El documental en España. Historia, estética e identidad.
14/03/2023

O Festival de Málaga retoma as xornadas Málaga Docs coa publicación do libro colectivo El documental en España. Historia, estética e identidad, editado por Cátedra e o propio festival. Complementando a presentación deste volumen celébrase o Encuentro de Cine Documental 2023, En el espejo: una mirada compartida al cine documental en España, que traslada algúns dos […]

Seguir lendo
Chamada de Artigos para a revista Cinema & Território (C&T)
Está aberta a "Chamada de Artigos" para o n.º 8 da Cinema & Território, sobre a temática Documentais (auto)biográficos
06/03/2023

A revista Cinema & Território (C&T) é unha publicación científica anual e internacional de arte e antropoloxia das imaxes da Universidade da Madeira (UMa). A C&T está aberta a propostas para publicación de investigadores internos e externos á UMa, que se encadren nos dominios das artes e dos estudos cinematográficos, da antropoloxia visual e das imaxes […]

Seguir lendo
Premio Mozo de Investigación en Comunicación ‘Enrique Bustamante’
A Asociación Española de Investigación de la Comunicación (AE-IC ) convoca o Premio Mozo de Investigación en Comunicación 'Enrique Bustamante'.
03/03/2023

O certame ten dúas modalidades: monografía e artigo, o premio consistirá nun Diploma acreditativo e unha axuda de até 1.500€ para gastos de publicación do mellor monográfico presentado, e de 400€ para o mellor artigo que supere o proceso de revisión para ser publicado na Revista de la Asociación Española de Investigación de la Comunicación […]

Seguir lendo
© 2023 Estudos Audiovisuais