YouTube como canle de distribución da prensa en España
Estamos asistindo a un desenvolvemento sen precedentes do tráfico web nos diarios nativos dixitais, de modo que xa podemos referirnos a unha convivencia manifesta entre estes medios e os matriciais. Esta fase emerxente dos nativos como cabeceiras de referencia na prensa española permítenos identificar unha revitalización do xornalismo dixital. Desde un enfoque exploratorio baseado nunha metodoloxía mixta que combina técnicas cuantitativas con cualitativas, analizamos as presenzas destes diarios en Youtube e as narrativas empregadas para a difusión de contidos. Nos resultados diagnosticamos prácticas crossmedia e a habilitación de canles baseadas nas áreas de especialización xornalística. Os achados preséntanse desde unha óptica comparativa entre as cabeceiras tradicionais e os diarios nativos dixitais.