Publicacións
Descubre as publicacións do Grupo de Estudos Audiovisuais

Formas en transición

Algunos filmes españoles del período 1973-1986

Este novo volume, asinado polo catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade José Luis Castro de Paz, achégase á Transición política española, un dos períodos máis convulsos e frutíferos do cinema español e tamén dos máis variados en temas, xéneros estilos e enfoques. Un cinema conxuntural que documenta e retrata a España deses anos desde todas as frontes, desde todas as opcións políticas. Nos catorce anos que median entre 1973 e 1986 prodúcense da orde de 1300 longametraxes; un vasto corpus heteroxéneo e complexo, tanto no que se refire ás formas fílmicas despregadas como aos discursos construídos por medio daquelas. Porque, como é lóxico, tanto os filmes máis reaccionarios como aqueloutros capaces de transmitir ao público os valores que vertebraban a transformación política, pasando polos máis rupturistas que rexeitaban o proceso político desde a esquerda, puxeron pé os seus discursos ideolóxicos despregando as ferramentas propias do medio cinematográfico (a montaxe/posta en escena no seu sentido máis amplo), especialmente proclive entón a audacias e probas formais de todo tipo: investigacións e innovacións ora brillantes e frutíferas, ora apenas embrionarias, en exceso abruptas erradas ou inconclusas, pero sempre valiosas e historicamente significativas, e construídas moitas veces a partir dunha reelaboración profunda de formas e estilizacións vinculadas ás tradicións culturais populares das que o cinema español de nutriu desde o período mudo.

De feito, e a partir da detida análise fílmica de certos títulos cinematográficos e televisivos moi significativos —de Queridísimos verdugos (Basilio Martín Patino, 1973) a Furtivos (José Luis Borau, 1975), de Duerme, duerme, mi amor (Francisco Regueiro, 1974) a ¿Qué he hecho yo para merecer esto!! (Pedro Almodóvar, 1984)— Formas en Transición indaga especialmente —aínda que non só— na fértil evolución en tan complexo momento histórico desas formas e estilizacións inspiradas sobre todo no teatro popular español sobre as que se sustenta o máis fecundo cinema español desde o período silente e a II República e que, Guerra Civil e inmediata posguerra mediante, deron lugar a esa moderna crispación ibérica que os grandes títulos de Fernán-Gómez, Marco Ferreri ou Luís García Berlanga da primeira metade dos anos sesenta ejemplificaban de forma paradigmática.

Revelarase así, por citar un só exemplo, unha insistente presenza de significantes composicións plásticas xeométricas que, máis aló do talante e o talento do cineasta concreto en cada caso, nos mostrarán a elocuencia da forma á hora de buscar saídas a un “triángulo” que até entón parecía inamovible (España/Franquismo/pobo español) e que, en determinadas ficcións, haberá de fundirse significativamente co non menos pastoso e conflitivo triángulo edípico.

© 2024 Estudos Audiovisuais