Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Preséntase a obra gañadora do III Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta

O xornalista Pedro Rielo asina en "Detrás dos perdidos" unha obra moi audiovisual, que se dará a coñecer o domingo 30 de xuño na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres

29/06/2019

Este domingo 30 de xuño ás 19 horas terá lugar a presentación do libro gañador da terceira edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes na sede da Fundación Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra). Na presentación intervirán, ademais do autor Pedro Rielo, o integrante do Grupo de Estudos Audiovisuais e presidente da Fundación, Fernando Redondo, xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o crítico literario e membro de xurado, Armando Requeixo, e o responsable de Edicións Embora, Miguel Toval, editorial encargada da edición da obra.

Detrás dos perdidos, o texto gañador, busca atrapar a atención do lector a partir da voz e a ollada dun adolescente que enfronta as vacacións de verán dende a frustración de ter que renunciar aos días de praia, o surf, as discotecas e os amigos, a cambio da aldea e a casa dos avós. Mais todo muda cando atopa aventura e misterio alí onde só prevía dar co aburrimento, nunha traballo que rexistra a influencia do audiovisual.

Situada nos anos 80 do século pasado, a novela adopta nunha parte importante do seu desenvolvemento a forma dunha road movie, sendo, á súa vez, o cinema unha fonte de inspiración fundamental do relato. De primeiras, o John Ford de O home que matou a Liberty Valance e a lección que se aprende neste filme: vale máis contar (e imprimir) a lenda que a realidade do sucedido, base da fascinación que provoca todo relato. Por outra banda, outros referentes dos mozos e adolescentes daqueles anos ocupan a cabeza e guían os pasos do protagonista, como o heroe televisivo Magnun ou o admirado xogador de baloncesto Drazen Petrovic.

A presentación contará tamén cunha peza de vídeo elaborada para a ocasión polo Grupo de Estudos Audiovisuais. “Convídote a ler (e a escribir)” conmemora a traxectoria dos premios a través dunha reflexión sobre o acto lectura e o proceso creativo, rescatando a voz do propio Neira Vilas e imaxes do arquivo da Fundación.

MÁIS NOVAS
O Espazo +60 de AFundación Abanca foi escenario dun debate entre cidadanía e expertos sobre os desafíos da Lei Audiovisual
13/01/2026
Seguir lendo
Os baleiros da lei audiovisual ante a IA: o desafío das linguas cooficiais
13/01/2026
Seguir lendo
A conferencia ‘Screening the Scene’ de Viena acolle a investigación do proxecto LEXCAV sobre diversidade audiovisual
13/01/2026
Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais