Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Presentación do informe da Sociedade Dixital en España 2018

Hiperconectividade, hiperpersonalización e cidadanía

03/04/2019

A Fundación Telefónica ven de presentar, como cada ano, o Informe da Sociedade Dixital en España (sdiE). Desde o 2000, este documento converteuse nun referente que recolle os indicadores sociais máis relevantes do panorama da sociedade dixital, así como analiza a evolución dos servizos dixitais e infraestruturas no ámbito nacional.

O sdiE constitúe unha radiografía do avance das transformacións que experimenta o país  grazas ás tecnoloxías. Cada edición inclúe datos e cifras obxectivas, xunto a un estudo sobre as tendencias e a posible evolución futura. O pasado ano supuxo a materialización das liñas que xa se manifestaban nos informes anteriores: a sociedade en rede deixou de constituír unha visión futurista para facerse cada vez máis patente.

A edición de 2018 pon en relevo o papel que xoga a banda ancha, tanto fixa como móbil, no proceso de dixitalización, incidindo especialmente na importancia do 5G como porta a un mundo hiperconectado. Progresivamente, os cidadáns e as empresas van adoptando a tecnoloxía e os servizos en rede como elementos cotiás. A este respecto, entre os fitos y tendencias do ano, o informe destaca a chegada dos asistentes intelixentes, a proliferación nas  fábricas dos robots colaborativos, a preferencia pola mensaxería instantánea da “xeración mute”, o incremento das plataformas de pago para ver contidos audiovisuais online nos fogares ou o protagonismo que adquiren as fake news.

Asemade, a análise masiva de datos con algoritmos de intelixencia artificial permite xa dar resposta ao gran reto actual da hiperpersonalización. Pero neste panorama preséntase tamén a confianza dixital como reto, un problema evidenciado no último ano polo alcance global do escándalo de Cambridge Analytica. A preocupación dos cidadáns pola súa privacidade en internet, e polo emprego que se fai dos seus datos persoais, maniféstase na axenda política coa entrada en vigor en Europa do Regulamento Xeral de Protección de datos e a aprobación en España da Lei Orgánica de Protección de Datos. O informe fai fincapé na necesidade de pór ás persoas e aos seus dereitos no centro do debate, camiñando cara á evolución do usuario dixital ao cidadán dixital.

Na presentación do informe, emitida en streaming e dispoñible na rede, interviñeron D. Francisco Polo, secretario de Estado para o avance dixital do Ministerio de Economía e Empresa, e D. Valeriano Gómez Sánchez, exministro de Traballo e Inmigración.

MÁIS NOVAS
Luma AI vs. LiDAR: un estudo do GEA avalía a súa accesibilidade na creación de contornas virtuais
22/04/2026

O venres pasado, 17 de abril, Rocío del Pilar Sosa Fernández, membro do GEA, presentou a comunicación Accessibility and Efficiency in Virtual Production: A TAM-Based Comparison of Luma AI (NeRFs) and Smartphone LiDAR no marco da conferencia 2026 SJTU-IAMCR Emerging Media Conference: Creative Communication and Empowerment. Devandito evento foi organizado pola International Association for Media […]

Seguir lendo
Defensa da tese doutoral: « Gramática da ferida: Triplo Corte no Novo Extremismo Francés».
08/04/2026

O vindeiro venres, día 10 de abril, Sara Calvete Lorenzo, investigadora en formación do Grupo de Estudos Audiovisuais, defenderá a súa tese doutoral. A defensa terá lugar na Sala de Visionado 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela ás 11h. A tese, dirixida pola profesora da mesma facultade  Antía […]

Seguir lendo
Investigadores do GEA presentes nun coloquio sobre América Latina, decolonialidade e interculturalidade
06/03/2026

Os investigadores do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela participaron no II Coloquio Internacional Repensar a América Latina – Decolonialidade, Interculturalidade e Novas Subxectividades, celebrado en Braga (Portugal), entre o 24 e o 27 de febreiro. O evento foi organizado pola Universidade Federal de Alagoas (UFAL, Brasil) e o Centro […]

Seguir lendo
© 2026 Estudos Audiovisuais