Galicia 1936-2011
Estudos sobre o filme de Carlos Velo
En decembro de 2010, o profesor ruso Vladimir Magidov visita a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e porta canda si unha lata de celuloide con 16 novos minutos dos materiais rodados por Carlos Velo para o seu filme «Galicia-Finisterre 1936». A recuperación destes fondos perdidos permite a Margarita Ledo Andión, Ramiro Ledo Cordeiro e Pablo Cayuela afondar no coñecemento do filme e desenvolver unha aproximación teórico-fílmica que pasa pola catalogación dos novos materiais e a posta en relación cos que se coñecían até daquela para, a partir das entrevistas existentes do director, corcoser unha proposta de montaxe do que tería sido o filme orixinal.
O texto e a peza visual froito deste traballo foron presentados en marzo de 2011 no XIII Congreso da Asociación Española de Historiadores del Cine: Aurora e melancolía. O cine español durante a II República (1931-1939)’ e no Cineclube de Compostela en xaneiro de 2012.
Imos entrar no que o filme Galicia amosa e, sobre todo, no modo de amosar e de procurar o recoñecemento e a identificación con ese real. Este é o sentido que lle aribuimos ao compartir en público tres capítulos dun estudo inacabado, dunha análise aberta á incorporación de novos elementos – a propósito dos que daremos algunhas pistas-, ademia dunha proposta de lectura da película que consideramos agora mesmo a peza noda cun cinema que se idea como cinema nacional galego. (Margarita Ledo Andión, 2016)
Galicia 1936-2011. Estudos sobre o filme de Carlos Velo
Serie de 3 estudos sobre ‘Galicia’ (Carlos Velo, 1936), co gallo da aparición, en decembro de 2010, de novas bobinas con material perdido deste filme
Os estudos 1º e o 2º demostran a relación entre as 3 fontes existentes con imaxes de ‘Galicia’:
▪ ‘Galicia’, versión 8 min: a única copia conservada até o de agora, proxectada nas XoCiViGa d’O Carballiño de 1985 (8’07’’)
▪ ‘Ispanija’: filme realizado no ano 1939 pola directora soviética Esfir Shub, montado a partir de imaxes de diversas procedencias, e no que se atopan parte das imaxes rodadas por Velo para ‘Galicia’.
▪ Bobinas: material depositado no CGAI en decembro de 2010 polo profesor Vladimir Magidov. As tres primeiras bobinas, que analizando as colas fotograma a fotograma se corresponden cos números 13694, 13696 e 13697, conteñen 16 minutos de ‘Galicia’. Sen son.
O 3º estudo ensaia unha hipotética reconstrución baseada en indicios derivados da análise das transicións entre secuencias e máis en diversas declaracións do propio Carlos Velo sobre a estructura do filme.
Estudo 1
“A seguinte montaxe emprega tres fontes audiovisuais que conteñen imaxes de Galicia, o filme perdido de Carlos Velo. O cadro da esquerda reproduce, sen alteracións, os oito minutos que se conservan da versión que se presentou na Exposición Internacional de París de 1937. No cadro da dereita altérnanse imaxes de Ispanija (Esfir Shub, 1939) –sinaladas co logotipo de Rai Tre– e máis das bobinas recentemente ato‑ padas en Rusia polo profesor Vladimir Magidov –con código de tempo.” (Ledo Andión, Ledo Cordeiro & Cayuela, 2011)
Estudo 2
“En 1939 Esfir Shub realiza na URSS Ispanija a partir de imaxes de diferentes operadores que filmaron en España durante a Guerra Civil. Varios minutos do seu filme pertencen ao Galicia de Carlos Velo . As Bobinas agora recuperadas son as mesmas das que Esfir Shub extraeu os planos para Ispanij . No momento do corte, comprobamos como moitos planos das bobinas filmadas por Velo continúan, no seguinte fotograma, no filme soviético .” (Ledo Andión, Ledo Cordeiro & Cayuela, 2011)
Estudo 3
“Esta montaxe está feita a partir de todos os planos que conforman as Bobinas, engadíndolles os planos de Ispanija que consideramos pertencen ao filme Galicia. A orde temática das secuencias fíxose respectando as declaracións de Carlos Velo na súa entrevista con Tareixa Navaza para RTVE‑Galicia, en marzo de 1983. Decidimos manter a orde orixinal dos oito minutos que se conservaban xa editados, sen que haxa porén razóns para os considerar definitivos. Dos 190 planos que conforman as Bobinas deixamos fóra tres. A duración final é de 22 minutos e 25 segundos.” (Ledo Andión, Ledo Cordeiro & Cayuela, 2011)