“Culturas de resistencia, pobos e idiomas minorizados”, Call for papers do CEMTI da Universidade París 8 Vincennes
O Centro de Estudos sobre Medios, Tecnoloxías e Internacionalización da Universidade Paris 8 Vincennes vén de abrir o call for papers para a conferencia internacional “Culturas de resistencia, pobos e idiomas minorizados”, que terá lugar o 1 e 2 de decembro de 2016 no museo de arte da Halle Saint Pierre. O 15 de agosto de 2016 é a data límite para enviar propostas de comunicación arredor do obxectivo da conferencia, que é “debatir a maneira coa cal os Estados, dentro do seu propio territorio, tratan as linguas e as culturas minorizadas, así como os modos de resistencia despregados por estes pobos para defender os seus dereitos”.
Xa que logo, prestarase no encontro especial atención á maneira na que os grupos minorizados articulan culturalmente as súas reivindicacións, arredor da idea dunha cultura de resistencia forxada a través de loitas conducidas por pobos que lograron sobrevivir e transmitir o seu idioma onde outros desapareceron. Dende o comité científico da conferencia, do que forma parte Margarita Ledo Andión (Catedrática da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais), formúlanse unha serie de preguntas para orientar as propostas: “Que relacións manteñen as formas de resistencia cos valores que levan os pobos? Como interactuaron as tensións históricas vinculadas pola creación dos estados-nación ou dos imperios coloniais coa busca de recoñecemento, obrigando aos grupos minorizados a valerse da astucia contra as imposicións da cultura dominante? Que capacidade crítica teñen estes movementos sociais para pensar a cidadanía e o bo vivir na era da internacionalización dos sistemas de comunicación e das economías? En resumo, como se pode caracterizar a gama de accións colectivas mobilizadas polas minorías que entraron en resistencia en diferentes contextos históricos e socio-políticos?”
Estas cuestións serán postas a debate a través de catro eixos temáticos:
1. O marco político das reivindicacións no seu cuestionamento da esfera pública dos estados-nación.
2. O marco xurídico cos textos internacionais ou constitucionais que organizan a defensa e a promoción dos idiomas e culturas do mundo.
3. O marco económico para tratar as tensións entre dereitos territoriais/soberanía rexional e desenvolvemento económico.
4. O marco das mobilizacións militantes coas varias experimentacións e iniciativas.
As propostas deben enviarse, en castelán, francés ou inglés, a culturesresistance@univ-paris8.fr incluíndo un título, un resumo de 500 palabras e unha biografía breve. No caso de ser aceptados, os traballos completos deberán ser enviados por vía electrónica á sede do Comité Organizador antes do 15 de novembro de 2016. Para máis información, pode descargarse aquí o pdf da convocatoria (en castelán) ou contactar co profesor Jacques Guyot (jacques.guyot@univ-paris8.fr).
Este luns 20 de xuño tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC un encontro co deputado do BNG, Nestor Rego, para facer un balance do escenario que se formula para o sector coa aprobación da Lei do Audiovisual. Ao encontro asistiron representantes de varias das entidades que forman a Iniciativa polo audiovisual en […]
Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) organiza o vindeiro día 1 de xullo unhas xornadas de formación presencial dedicadas a analizar aspectos xurídicos da produción audiovisual. O desenvolvemento da xornada terá lugar no Auditorio 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. Baixo o título: Marco xurídico do sector […]
A USC, a través da súa Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS), puxo este ano en marcha a primeira edición do Three Minute Thesis (3MT®), un concurso de comunicación para investigadores e investigadoras de todas as áreas do coñecemento. A doutoranda do GEA, Sara Calvete Lorenzo, é unha das finalistas do certame co vídeo no que […]