Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

CO(M)XÉNERO 6. Fendas no círculo de xiz

Seminario Permanente de Comunicación e Xénero

A sexta edición do CO(M)XÉNERO, organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) co apoio da Oficina de Igualdade de Xénero da USC e de Xornalistas Galegas, céntrase desta volta nas posibilidades do xornalismo para transformar, desde prácticas conscientes, o discurso heteropatriarcal dos medios. O encontro presentará experiencias de introdución da perspectiva de xénero na linguaxe xornalística canda un obradoiro de intervención nos seus contidos. Pór fin a unha  dinámica discriminatoria e excluínte pasa pola necesaria construción de audiencias e colectividades formadas no pensamento crítico, capaces de analizar, deconstruír e mesmo comezar a reverter as representacións e estruturas sexistas presentes nos medios.  

Coa fin de crebar o círculo de xiz, o seminario busca reflexionar sobre os xeitos de incorporar voces que non adoitan aparecer nos medios e introducir novos puntos de vista na información na que as mulleres son protagonistas. 

O seminario está dirixido a estudantes de comunicación, persoal investigador, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar, dende unha lectura crítica, os medios e as industrias culturais e creativas. O prazo de inscrición está aberto até o 21 de marzo. 

Esta edición do CO(M)XÉNERO colabora de novo coa Mostra Internacional Cinema Etnográfico (MICE) – Museo do Pobo Galego e conta con fondos da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2021 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA. 

A participación é de balde previa inscrición.  



Programa

Martes, 22 de marzo

VISIONADO 1

16.15 h | Benvida y presentación do VI CO(M)XÉNERO.

16.30 h | Xornalismo antipatriarcal en construción / Xornalismo feminista en construción.

Relator: Xavier Giró. Profesor e investigador da Universitat Autònoma de Barcelona.

17.30 h | Unha experiencia de xornalismo con perspectiva de xénero.

Relatoras: Asociación Xornalistas Galegas. 

18.30 h | Pausa.

AUDITORIO

18.45 h| Proxección de A poeta analfabeta, un documental sobre Luz Fandiño, de Sonia Méndez. Haberá coloquio posterior coa directora e a produtora, Nati Juncal. 

20.30 h | Clausura.


Mércores, 23 de marzo

AULA DE INFORMÁTICA 1

16.30 h | Obradoiro de vídeo participativo coa Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso). 

20.45 h | Clausura.


Xoves, 31 de marzo

Aula 7

16.00 h | 17 MICE: Sesión con Mariana Hristova, crítica de cine e comisaria da sección Impropias. 

17.00 h | Clausura.



Recoñecemento para estudantes do Doutorado en Comunicación e Información Contemporánea.

A participación no seminario será recoñecida como actividade formativa para o estudantado do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea. Esixe acreditación da asistencia á totalidade das actividades. 

Solicita máis información en comxenero@estudosaudiovisuais.gal 



Inscricións

As conferencias do Visionado 1, a proxección de A poeta analfabeta e a sesión con Mariana Hristova están limitadas a 75 persoas.

O obradoiro da Aula de Informática 1 ten un formato máis reducido con 15 prazas dispoñibles.

 

Título do curso: CO(M)XÉNERO 6. Fendas no círculo de xizDescrición: Seminario Permanente de Comunicación e XéneroDatas: 22/03/2022 - 31/03/2022Lugar: Facultade de Ciencias da ComunicaciónDuración: 22, 23 and 31 March 2022Inscrición: https://bit.ly/3hYf5AK
22/03/2022Facultade de Ciencias da Comunicación
Descargas
– Programa CO(M)XENERO 6. pdf | 335.32 KB
Mediateca
INVESTIGACIÓN / MARCO VINCULADO
CO(M)XÉNERO Seminario Permanente de Comunicación e xénero
Data de inicio: 12/11/2018Data de fin: 15/11/2023I.P.: Margarita Ledo AndiónInvestigadores participantes: María Soliña Barreiro
Foco permanente de discusión e formación sobre o papel dos medios na vertebración da sociedade, con especial atención á visibilización informativa e cinematográfica da(s) identidade(s) de xénero.
Seguir lendo
© 2024 Estudos Audiovisuais