Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

A configuración da paisaxe fílmica galega: da luz á memoria

4 e 5 de outubro creadores e investigadores reflexionarán sobre a construción cinematográfica da paisaxe galega na contemporaneidade

O Grupo de investigación de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso `A configuración da paisaxe fílmica galega: da luz á memoria´ na Facultade de Ciencias da Comunicación os vindeiros días 4 e 5 de outubro.

O obxectivo é unha reflexión sobre a construción cinematográfica da paisaxe galega na contemporaneidade. Para o que se estudarán os seus elementos constitutivos, as súas relacións coa pintura e a fotografía, a súa evolución visual e as concomitancias con outras tradicións fílmicas.

O primeiro día, en sesión de tarde, abrirá o Bloque I: `Anatomía da construción fílmica da paisaxe´, a investigadora e docente da USC Mª Soliña Barreiro. A seguir, coa lección maxistral do escritor e fotógrafo Vítor Vaqueiro sobre o imaxinario da construción paisaxística galega e a directora de fotografía Lucía Catoira Pan coa luz da paisaxe. Para finalizar, o profesor e investigador da UDC Pablo Gallego Picard reflexionará sobre a construción fílmica do espazo e se proxectará a obra do mesmo autor: `Unha viaxe por Galicia (1929-2009)´, co acompañamento musical de Xurxo Souto e Pulpiño Viascón.

O mércores 5 abrirá o Bloque II: `As paisaxes do cinema galego´ a crítica e investigadora Sara Donoso coa análise das relacións pictóricas e fílmicas no cinema galego contemporáneo. Despois, o profesor e investigador da Universidade de Coimbra Iván Villarmea centrarase nas periferias e paisaxes rururbanas no cinema galego e portugués do século XXI. Coma fin do curso, Eloy Enciso reflexionará como director sobre a construción do espazo cinematográfico e narrativo en `Longa Noite´ e `Arraianos´, seguido da proxección desta última obra.

O estudo terá unha vertente teórica con leccións maxistrais, debates posteriores e construcións colaborativas nas sesións cos investigadores. Tamén, contará cunha liña práctica, na que se interrogará a creadores e creadoras contemporáneos sobre a construción da paisaxe nos seus filmes dende o visionado da propia obra e a reflexión sobre os procesos produtivos. Este traballo permitirá desenvolver una reflexión interdisciplinar sobre a importancia da paisaxe e do territorio na cultura e na identidade galega mais dende o eido da imaxe; conectar a reflexión académica e artística coas inquedanzas contemporáneas sobre a vertebración do espazo galego; poñer en valor territorio e artes visuais na construción dun patrimonio compartido e explorar as actitudes cinematográficas cara a paisaxe como un xeito de reflexión sobre o territorio e a identidade.

Título do curso: A configuración da paisaxe fílmica galega: da luz á memoriaDescrición: Creadores e investigadores reflexionarán sobre a construción cinematográfica da paisaxe galega na contemporaneidadeDatas: 04/10/2022 - 05/10/2022Lugar: Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación Santiago de CompostelaDuración: De 16:00 a 20:00
04/10/2022Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación Santiago de Compostela
Descargas
Mediateca
© 2024 Estudos Audiovisuais