La diversidad cultural a través de la Red: el caso del cine identitario
A investigación «Cinema, Diversidade e Redes» pretende illar os principais estímulos ou reticencias no consumo de produtos xerados por pequenas cinematografías, analizando o caso concreto da circulación a través das redes dixitais interactivas de contidos cinematográficos producidos en Galicia. Trátase dunha investigación multicéntrica na que participan universidades radicadas en Arxentina, Brasil e Uruguay –países cunha significativa presenza migratoria galega–, a través de grupos de recepción principalmente universitarios, pola súa especial predisposición ao consumo mediático intercultural. O noso traballo aborda unha determinación estatística do perfil sociodemográfico, axiolóxico e de hábitos de consumo dos grupos participantes, como proemio ao seu encontro cunha mostra representativa, integrada por obras cinematográficas producidas en Galicia entre 2003 e 2008, aos efectos de precisar a influencia de determinadas variables temáticas, formais e lingüísticas na aceptación ou recusación de determinadas mensaxes. A investigación responde, en suma, aos modelos de investigación básica e aplicada: básica, pola súa análise de indicadores culturais determinantes do consumo cinematográfico en comunidades que, aínda que xeográficamente dispersas, preservan elementos identitarios como a lingua; e aplicada, na medida en que a investigación contempla unha transferencia de coñecemento aos seus socios tecnolóxicos, coadxuvante da apertura de nichos inexplorados de consumo transnacional, a través do potencial que actualmente brindan as redes dixitais.