El “cambio de ola” en la investigación de audiencias
Efectos en la planificación estratégica de los medios
A actualización do paradigma da comunicación na era dixital insta aos medios a revisar con profundidade tanto os seus procesos produtivos como as súas estratexias para achegarse a un público que demanda novas experiencias enriquecidas, tamén no consumo de produtos informativos. As audiencias dixitais sitúan ao xornalismo nun novo escenario de cambios que o obriga a mirar cara adiante e afrontar os retos tecnolóxicos, sen perder a perspectiva dos fundamentos profesionais. A evidencia do uso do móbil e a dimensión social como locomotora de consumo (Reuters Institute Digital Report, 2017) convencen a industria de que aqueles que non experimenten perden a posibilidade de seguir no sector con garantías de éxito (López, Rodríguez e Soengas, 2016).
En gran parte, estes cambios están impulsados pola necesidade dos medios de mellorar a conexión e a fidelización co seu público, especialmente nun entorno no que se reforza o papel dos usuarios no epicentro do proceso produtivo. Desde alí, condicionan a reorganización das redaccións, cada vez máis preocupadas por rastrexar os movementos do público –o que os apremia a mellorar e a introducir novos instrumentos de medida impulsados desde o big data–. Neste “cambio de ola” que vive a investigación de audiencias, os medios exploran como achegarse ao público mentres a conversación se privatiza e o valor do “social” se readapta.