Actualidade
Novas e Axenda Bota un ollo á actividade do GEA

Galiza rexistra un descenso de público e recadación cinematográfica en 2018

O Observatorio da Cultura Galega advirte en "O cine en Galicia" dos tempos difíciles que atravesa o sector

09/07/2019

Son tempos complicados para o sector audiovisual, segundo conclúe o informe “O cine en Galicia”, ao térense rexistrado no cinema tradicional tanto unha perda de espectadores como de recadación. No último ano, seguindo a tendencia estatal, Galiza perdeu máis de 100.000 espectadores, rexistrando unha baixada dunha décima na asistencia media, para situarse en 1,4 filmes por habitante, afastada do 2,2 da media estatal. Os 22,9 millóns de euros recadados representan 900.000 euros menos que o ano anterior. A caída que reflicten estes datos responde á consolidación das novas formas de consumir audiovisual, condicionadas pola oferta das plataformas de pagamento.

Estas son algunhas das conclusións que deita o Observatorio da Cultura Galega, órgano dependente do Consello da Cultura Galega, no Documento de Traballo (DT) sobre o cinema que acaba de publicar, elaborado coas cifras do Ministerio de Cultura y Deporte procedentes da Estadística de Cinematografía: Producción, Exhibición, Distribución y Fomento e do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales – Secretaría de Estado de Cultura. Nesta ocasión, o informe ofrece unha parte cualitativa na que os representantes do sector audiovisual destacan o talento creativo dos e das profesionais e a mellora da proxección internacional.

As cifras

Con todo, o descenso de público non deixa mal paradas as producións españolas, que incrementaron 100.000 espectadores  durante o 2018, en detrimento dos filmes estranxeiros, cun baixaron 200.0000 espectadores. Os datos de recadación tamén están vinculados coa nacionalidade do filme: en 2018 as longametraxes españolas produciron máis ingresos ca o ano anterior, porén as estranxeiras recadaron un millón menos.

O número de festivais cinematográficos en Galicia varía en función da fonte consultada, o que fai complexo fixar unha evolución. Para o ICAA, o seu número permanece estábel, mentres que para a Academia Galega do Audiovisual houbo un descenso, de 14 en 2016 a 8 en 2018. Nesa oscilación tamén se pode encadrar a política de apoio da Xunta, que apoiou no ano pasado, a través da AGADIC, 8 festivais cunha contía de 118.882 euros.

O Observatorio tamén analiza a exhibición, a distribución e a produción. En 2018 hai un cine máis que no ano anterior, acadando deste xeito 44 cines e 187 salas de exhibición, a cifra máis alta de toda a serie analizada. Segundo os datos do ICAA, en 2018 operaron en Galicia 18 empresas produtoras de cine, seis máis que no ano 2017. No período que vai de 2013 a 2018 producíronse 141 traballos audiovisuais. Destaca o ano 2015 con 27 películas (15 delas eran longametraxes) mentres que en 2018 se produciron 25 filmes (15 longametraxes e 10 curtametraxes). O xénero predominante é a ficción, agás no ano 2017, que viu xermolar máis documentais.

A lingua

O informe tamén dedica un apartado ao análise da lingua: só o 38,3% das producións feitas en Galicia no período analizado están en galego. Destas, 13 son filmes exclusivamente en galego e unha en galego/castelán. O apoio da Administración, a través de AGADIC, resulta determinante. Os filmes con lingua orixinal en galego son os que reciben subvencións máis cuantiosas por parte da AGADIC. Entre 2011 e 2018 estes filmes recibiron máis de 2,3 millóns de euros (cifra á que habería que engadir máis de 300.000 euros para os filmes noutras linguas orixinais ademais do galego). Nese mesmo período as películas exclusivamente en castelán recibiron 1,9 millóns de euros.

Análise cualitativa

“O cine en Galicia” destina unha ampla parte a recoller a análise dos responsables da Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, a cooperativa de creación e difusión cultural NUMAX e a Axencia Galega das Industrias Culturais. Destacan a alta calidade das e dos profesionais do sector audiovisual galego, o incremento de “óperas prima” e o avance significativo da presenza das mulleres no sector, aínda que segue a ser escasa. A nivel de produción sublíñase a necesidade de incorporar novas medidas fiscais, ademais da petición de volver considerar este sector como estratéxico. En canto á distribución, a situación é complicada e sustentada polos cines pequenos, que precisan dun apoio decidido da Administración. Desde AGADIC consideran a pertinencia de iniciativas como “Cinemas de Galicia” e alertan da polarización do cinema en películas case feitas de modo artesanal e outras que teñen a consideración de industriais. Ademais, destacan como punto forte a mellor proxección exterior do sector audiovisual galego.

MÁIS NOVAS
Proxección e coloquio: Morlaix (Jaime Rosales, 2024) o día 4 de febreiro
A proxección e o coloquio serán no Auditorio da Facultade de Comunicación
20/01/2025

O vindeiro día 4 de febreiro, terza feira, ás 11h proxectárase no auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago o filme Morlaix. Posteriormente haberá un coloquio ao que asistirán o director da fita, Jaime Rosales, o Catedrático de Comunicación Audiovisual e Publicidade José Luis Castro de Paz e estudantes da facultade. […]

Seguir lendo
Defensa da tese doutoral: «Análise do potencial educativo presencial e a distancia utilizando recursos inmersivos en realidade virtual e aumentada».
03/12/2024

O pasado venres, día 29 de novembro, Rocío do Pilar Sosa Fernández, investigadora en formación do Grupo de Estudos Audiovisuais, defendeu a súa tese doutoral. Obtivo a cualificación Sobresaínte Cum Laude, por unanimidade, e a mención internacional pola estancia de investigación realizada na Universidade de Aalto, en Finlandia. A dirección da tese estivo a cargo […]

Seguir lendo
Conferencia de Margarita Ledo Andión na Sorbonne Nouvelle: A imaxe que falta, a imaxe que manca
Será na sala C112A da Sorbonne Nouvelle o día 9 de decembro, ás 11h
02/12/2024

A auto-biografía política, dar a ver a súa construción, a marca do dispositivo, o real como material que “debe ser ficcionado para ser pensado (Rancière) é un dos sinais e tamén os arquivos re-significados polas escrituras do “eu”, polo corpo, polos seus ecos, pola actuación… son entradas polas que accedemos ao interior do labirinto a […]

Seguir lendo
© 2025 Estudos Audiovisuais