Actividades
Cursos de formación, seminarios e congresos

XVI Congreso AsHisCom

Organizado pola Asociación de Historiadores da Comunicación

O XVI Congreso Internacional da Asociación de Historiadores da Comunicación ten lugar este ano en Santiago de Compostela, coorganizado polo grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Comunicación Novos Medios o 26 e o 27 de setembro de 2019. A integrante do Grupo de Estudos Audiovisuais Ana Isabel Rodríguez participa coa ponencia “Cambios en la medición de audiencias y evolución del consumo audiovisual en España: efectos de la digitalización”.

A historia da comunicación actualizada

A revolución do mundo dixital é unha nova fronteira para o coñecemento humano e todas as súas dinámicas produtivas e de socialización, tanto nunha dimensión cultural como industrialmente. Desde a súa irrupción, a sociedade global está inmersa nun profundo e constante proceso de cambios que alteraron tanto o xeito de crear e comunicar como o modo de ser e convivir. Os novos medios e instrumentos de comunicación non só transformaron a nosa forma de percibir e de contar a realidade, senón a estrutura das relacións sociais, a circulación de información entre emisores e audiencias en calquera contexto, o intercambio comercial entre produtores e consumidores, o debate entre axentes políticos, sociais, económicos e culturais na esfera pública, as rutinas produtivas e de difusión de contidos audiovisuais, a forma de representar conceptualmente o mundo que nos rodea e, en definitiva, tamén de sentir, de pensar e de vivir.

Porque as redes e os medios dixitais, de feito, crearon unha nova sociedade, na que a innovación tecnolóxica asociada á comunicación cibernética e á virtualidade mediática son algunhas das características deste gran seísmo dixital que está sacudindo os alicerces sobre os que se sostén o sistema produtivo de comunicación moderno. Este feito afecta moi especialmente aos medios de comunicación tradicional, mentres emerxe un novo panorama transmediático no que o xornalismo clásico e o discurso informativo serio e rigoroso perdeu presenza fronte a modelos comunicativos simplificadores que banalizan ou desprezan a realidade dos feitos, ou que promoven a desinformación e a propaganda ao servizo de causas manipuladoras que perverten o sentido democratizador de internet.

Con todo, o rápido desenvolvemento das estruturas tecnolóxicas e todas as canles, os soportes, as redes, as linguaxes e os códigos asociados aos últimos avances nos novos formatos tecnolóxicos dixitais fan necesaria unha reflexión sobre o significado do novo desde unha perspectiva histórica e aconsellan facer historia sobre os medios dixitais que apareceron e proliferaron nos últimos 25 anos, con abordaxes que analicen a complexidade da revolución tecnolóxica da comunicación e os transcendentais cambios desde os seus inicios ata os nosos días. De aí a necesidade de promover o estudo académico dos medios dixitais cunha mirada cara ao pasado, tratando de comprender a súa evolución, tanto nunha dimensión sincrónica como diacrónica, e comparar este revolucionario fenómeno co xurdimento doutros novos medios noutras épocas históricas nas que as súas sociedades tamén viron alterada a súa percepción e modelo de representación da realidade, así como o seu propio modo de vida.

Título do curso: XVI Congreso AsHisComDescrición: Organizado pola Asociación de Historiadores da ComunicaciónDatas: 26/09/2019 - 27/09/2019Lugar: Facultade de Ciencias da Comunicación - USC
26/09/2019Facultade de Ciencias da Comunicación - USC
Descargas
Mediateca
© 2024 Estudos Audiovisuais