
CO(M)XÉNERO VII. Descifrando Violencias
O Seminario Permanente de Comunicación e Xénero está titulado desta volta `Descifrando Violencias´
A sétima edición do CO(M)XÉNERO, Seminario Permanente de Comunicación e Xénero terá lugar nos días 3 e 4 de novembroi na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Nesta ocasión, as xornadas céntrase no ollar, debater, e aprender a descifrar diferentes modos e maneiras de violencia, latentes ou que podemos tocar ca man.
Coordinado pola directora do GEA, a catedrática Margarita Ledo Andión, o seminario está dirixido a estudantes de comunicación, persoal investigador en formación, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar as diferentes violencias heteropatriarcais que nos atravesan. A participación no CO(M)XÉNERO pode ser recoñecida como actividade formativa para o estudantado do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea.
Esta “comunidade electiva” que se foi entrelazando á volta do CO(M)XÉNERO chega á súa edición número 7 para ollar, debater, e aprender a descifrar diferentes modos e maneiras de violencia, latentes ou que podemos tocar ca man.
Da muller-monstro no cinema de terror, entre as cales a muller-lobo tan presente nas nosas fábulas ou a muller-caníbal, falaranos Itxaso del Castillo, ensinante na Universidade do País Vasco, mentres Silvia Roca, investigadora do GEA, vainos desacougar dando a coñecer como se nos representa na ficción galega.
As pezas de María Ruido, artista multimedia e profesora na Universidade de Barcelona acollen a pequena e gran transgresión ate o límite canda unha nova alfaia, `Las reglas del juego´, esa conversa con Brigitte Vasallo que vai acordar todas as sospeitas sobre a performarce do propio corpo, un corpo que queremos liberado dos medos e dos espazos escuros da agresión permanente.
O Obradoiro de Adriana Páramo e de Iria Pinheiro, `O escenario por cámara´, trae á tona aspectos desa ferida que se singulariza como “violencia obstrética”.
Aos 5 anos do #MeToo podemos celebrar pasos avante na acción de contar, esixir responsabilidades, concienciar e partillar.
O programa inclúe conferencias, sesións de proxeccións e debate, así como obradoiros para achegármonos a outra forma de contar.
A inscrición é de balde e está aberta ata o 1 de novembro a través deste formulario.

03/11/2022Facultade de Ciencias da Comunicación, Santiago de Compostela
Data de inicio: 12/11/2018Data de fin: 31/12/2020I.P.: Margarita Ledo AndiónInvestigadores participantes: Marta Pérez Pereiro Silvia Roca Baamonde , Carla Cerqueira; Ana Jorge