Publicacións
Descubre as publicacións do Grupo de Estudos Audiovisuais

Sombras desoladas. Costumbrismo, humor, melancolía y reflexividad en el cine español de los años cuarenta

A detida e desprexulgada análise historiográfica e textual do cinema dos anos corenta demostra a pervivencia, pese a todo, de variadas (a miúdo ricas, sempre condicionadas) formulacións fílmicas capaces de manter vixente unha corrente subterránea común que constitúe o seu auténtico material xenético e que lle asegura o recoñecemento do seu público e o engarce cunha tradición cultural homoxénea. Pero mesmo, a partir deses materiais populares, transformados polas extremadamente difíciles circunstancias históricas, xenéranse nos anos corenta ásperas e rugosas estilizacións –por exemplo esa tan peculiar e chamativa reflexividade, nitidamente vinculada á figura central do escritor Wenceslao Fernández Flórez– que fan dos Modos de Representación do cinema español posbélico (de Edgar Neville a Serrano de Osma, dos irmáns Mihura a Llobet-Gràcia) o humus fílmico sobre o que (re)pensar, máis alá da innegable e vasta influencia de cinematografías foráneas do peso do cinema clásico de Hollywood ou do Neorrealismo italiano, os máis densos e singulares discursos fílmicos españois dos decenios seguintes.

Un cine posbélico, en fin, que pese ás descalificacións de groso trazo coas que continúa sendo despachado en demasiadas ocasións, foi capaz de ofrecer operacións de indiscutible altura estética, mostrando en outras as afiadas arestas resultantes da enorme dificultade para tecer con senso os fíos de procedencias absolutamente heteroxéneas (e mesmo contraditorioas entre si) e xurdindo de tal proceso curiosos híbridos ou experiencias radicalmente fallidas, pero en todos os casos extremadamente interesantes aos ollos do historiador.

Autor/a: José Luis Castro de Paz Ano: 2012Titulo: Sombras desoladas. Costumbrismo, humor, melancolía y reflexividad en el cine español de los años cuarenta Categoría: Libro Cidade: SantanderEditorial: Shangrila
© 2024 Estudos Audiovisuais