Investigacións
Proxectos de investigación, contratos, teses e traballos de investigación

Repertorio da Radio Galega da Emigración

Catálogo histórico das actividades radiofónicas realizadas e protagonizadas polos emigrantes galegos (1930 ata a actualidade)

O Repertorio da Radio Galega da Emigración constitúe un catálogo histórico das actividades radiofónicas realizadas e protagonizadas polos emigrantes galegos fundamentalmente en América e Europa, pero tamén noutros destinos menos frecuentes con presenza galega. Cronoloxicamente abrangue desde principios da década de 1930 e chega ata a actualidade, coa posibilidade de engadir as novas iniciativas que vaian xurdindo no futuro.

Os espazos radiofónicos da Galicia exterior, nas súas diferentes modalidades, se inscriben no marco das actividades comunicativas e culturais promovidas polos galegos nos países de destino, especialmente naqueles nos que contaban cunha maior representatividade numérica. Ao igual que a prensa da colectividade, da que algunhas audicións se consideraban unha sorte de complemento oral, as actividades dos galegos a través das ondas amosáronse xa desde o seu cerne como unha peza fundamental no entrañado de relacións socioeconómicas e de solidariedade establecidas polos emigrantes. En consecuencia, adoitan interpretarse como unha forma de expresión social e cultural da colectividade galega, que funciona ademais como elemento de cohesión entre os seus membros e vieiro de expresión das súas ideas, inquedanzas e intereses.

Bos Aires foi o lugar de cerne e principal foco de desenvolvemento da radiodifusión galega no exterior, un fenómeno comunicativo que se estendería posteriormente a outros encraves da emigración galega en Arxentina e aos principais países de asentamento da colectividade en Europa e América. Dadas as súas dimensións e características o movemento radiofónico galego nas ondas ofrece moitos puntos de interese para o seu análise, pois ao liderado de determinadas audicións en termos cuantitativos en cada país engádese a alta calidade acadada por gran parte destas experiencias, sobre todo por aquelas que contaron na súa realización coa participación directa dos principais intelectuais, escritores e artistas da diáspora galega da talla de Castelao, Luís Seoane ou Eduardo Blanco Amor.

En Bos Aires xurdiron títulos tan emblemáticos como Recordando a Galicia, de Maruxa Boga, La Voz de Galicia, de Fernando Iglesias ‘Tacholas’ ou Galicia Emigrante, do exiliado Luís Seoane, que constitúen a día de hoxe un referente indispensable na historia do xornalismo galego, no outro país pratense, Uruguai, Manuel Meilán promoveu e conduciu desde Montevideo a principios da década de 1950 Sempre en Galicia desde CX16 Radio Carve, audición considerada a máis lonxeva de todas as audicións galegas e que a comezos do século XXI aínda continuaba en antena.  Caracas a Irmandade Galega desenvolve un título case idéntico, Sempre en Galiza, e tamén xurdiría alí Aires da Terra, un programa que se destacou pola súa calidade e aceptación.  En México destacou a cabeceira A Hora de Galicia, (1952-1968), programa de contido cultural e informativo, promovido por Roxelio Rodríguez de Bretaña, e estreitamente vencellado có Padroado da Cultura Galega,

As iniciativas radiofónicas localizadas en Europa alcanzaron maior importancia a partir dos anos sesenta, cando a emigración galega cambia a súa orientación cara ós países do vello continente, pero xa contaban con destacados antecedentes. Un dos máis salientables foi o denominado Galiciam Programme da BBC de Londres, iniciado en abril de 1947. Tamén tiveron carácter pioneiro no vello continente as audicións ou máis ben contidos galegos da Radio Pirenaica, cun carácter político moi marcado polo contexto da posguerra civil.

Xa nos anos sesenta Ramón Chao emite dende Radio París un espazo en galego que non pasou dos tres anos ao ser suspendido polas presións do goberno franquista, mentres que en  Portugal Margarita Ledo Andión contou cunha audición en Radio Clube Portugués, que  apareceu un tempo coma Os meus amigos de Galicia. Estas emisións iniciáronse en 1974 e apenas duraron un ano. Na seguinte década, en Suíza, se destacan dúas audicións: Galiza Sempre, que comeza a emitirse en 1985 por Radio Tonic FM desde Xenebra (Suíza), que era un programa vencellado coa asociación cultural Galicia Hoxe, e Espa-Voz que se emite actualmente por Radio Fönderband en Berna.

Á súa vez, a radio da emigración galega tamén tivo repercusión nas comunidades autónomas peninsulares que contaron con máis presenza galega. O máis significativo é caso o de Cataluña, onde as emisións galegas proliferaron ata tal punto que case poden equipararse numericamente coas arxentinas. Os títulos máis destacados son: Lonxe da Terra de Manuel Valdés, A Nosa Galicia de Manuel Fernando González, Radio Celta, emisora do Centro Galego de Barcelona, a experiencia de Radio Amistad impulsada por Olegario Sotelo Blanco ou ERGAC, un intento de asociar os espacios radiofónicos galegos en Catalunya . Esta inxente actividade mantívose e perdurou ata os nosos días coma semella indicar a cifra de 13 programas de radio sinalada por Blanco Campaña na súa obra sobre comunicación galega no exterior. En Madrid aparecen novas dun programa titulado Pandeirada que funcionou entre 1968 e 1970 e, máis recentemente, outro coa mesma cabeceira que o de Meilán, Sempre en Galicia, emitido por Radio Intercontinental de Madrid e conducido por Mercedes Buxán, que apenas se mantivo un ano en antena (1993-1994). No País Vasco o único título coñecido é De orilla a orilla que emite a bilbaina Radio Nervión en conexión con  Radio Gorbea, emisora de Gasteiz-Vitoria, cubrindo así un amplo territorio, que en datas recentes aínda seguía en antena.

Considerando a complexidade do fenómeno, atendeuse na elaboración deste repertorio as diferentes modalidades de actividades radiofónicas localizadas na Galicia exterior, promovidas tanto por particulares como por sociedades de emigrantes, o que deu como resultado unha ampla diversidade de modelos en función das súas características particulares: contidos breves ou micro espazos, seccións dentro de programas máis amplos que non necesariamente tiñan que ver con Galicia e programas de entre media e dúas horas de duración. Audicións que manteñen unha regularidade no tempo ou de carácter especial, coma as que se facían para conmemorar o Día de Galicia, a data de fundación dun centro galego da emigración e outras efemérides destacadas para a galeguidade emigrada. Na súa maior parte estes espazos emitíronse desde os países ou comunidades autónomas (no caso de Cataluña, Euskadi e Madrid) de destino dos emigrantes e dirixidos aos membros da colectividade galega emigrada neses países ou noutros veciños nos que se recibían as emisións.

A configuración do repertorio  comprende sobre 130 entradas referidas ás diferentes actividades radiofónicas dos galegos nos países de destino, nas que se inseriu toda a información localizada sobre elas, distribuída en diferentes seccións. O obxectivo desta ferramenta, unha vez que pasou a formar parte dos repertorios de Universidade é servir como apoio aos estudantes e investigadores interesados polos medios de comunicación galegos da emigración, así como dar a coñecer ao publico en xeral a representatividades e as características que tivo a radio galega da emigración a través dos seus protagonistas e das entidades da colectividade que as apoiaron. Coa súa inclusión nos catálogos da Biblioteca de Ciencias da Comuinicación queda cumprimentado un capítulo tan determinante para a historia da emigración galega como é o do papel desenvolvido polos medios de comunicación promovidos e realizados desde o exterior. Iniciativas, as radiofónicas, que como a prensa da colectividade, o teatro ou a música constitúen unha forma de expresión do pobo galego emigrado e que forman parte do rico enramado cultural polo que sempre se caracterizou.

NOVAS RELACIONADAS
O Repertorio da Radio Galega da Emigración incorpórase ao catálogo da FaCom (USC)
Este recolle as actividades radiofónicas realizadas e protagonizadas polos emigrantes galegos fundamentalmente en América e Europa (1930 ata a actualidade).
17/07/2024

O Repertorio da Radio Galega da Emigración está dispoñible para consulta en sala na biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Un catálogo histórico das actividades radiofónicas realizadas e protagonizadas polos emigrantes galegos fundamentalmente en América e Europa, pero tamén noutros destinos menos frecuentes con presenza galega. Cronoloxicamente abrangue desde […]

Seguir lendo
© 2024 Estudos Audiovisuais