CO(M)XÉNERO. Muller nas Estremas
Seminario Permanente de Comunicación e Xénero
A persistencia do discurso androcéntrico nos contidos, a liña editorial e as estruturas organizacionais dos medios de comunicación actuais reflicte e perpetúa unha sociedade asimétrica e disfuncional que silencia e incapacita os posicionamentos diverxentes.
Pór fin a esta dinámica invalidante pasa pola necesaria construción de audiencias e colectividades formadas no pensamento crítico, capaces de analizar, deconstruír e mesmo comezar a reverter as representacións e estruturas sexistas presentes nos medios.
A urxencia desa capacitación demanda a incorporación inmediata dos Estudos de Xénero aos plans educativos existentes en materia de comunicación. Neste contexto, o seminario CO(M)XÉNERO busca ser un foco permanente de discusión e formación sobre o papel dos medios na vertebración da sociedade, con especial atención á visibilización informativa e cinematográfica da(s) identidade(s) de xénero.
Baixo o título Muller nas Estremas a segunda sesión do seminario explora as fronteiras físicas, imaxinarias e culturais vencelladas ao xénero e faino o dende cinema como medio para encaralas. Nesta andaina conta coa presenza de dúas investigadoras especializadas no tratamento da muller e o feminino na contorna cinematográfica: Ana Catarina Pereira, docente da Universidade da Beira Interior (Covilhã, Portugal), e Elena Oroz, profesora da Universidad Carlos III de Madrid e do Centro Universitario TAI, adscrito á Universidad Rey Juan Carlos.
Desta volta, o seminario tece colaboración coa Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) e serve de complemento teórico e formativo da sección #IMPROPIAS a través dunha Carta Branca co mesmo lema, <<Muller nas Estremas>>, na que as docentes e investigadoras Margarita Ledo Andión e Marta Pérez Pereiro seleccionan unha serie de proxeccións sobre a figura da muller como viaxeira, como migrante, como exiliada, con filmes que exploran a(s) fronteira(s) como lindes á súa mobilidade física e simbólica.s sesións da Carta Branca, programadas do 26 ao 28 de marzo en diferentes espazos de Compostela abeiran pezas de estilos e estratexias singulares e diversas, nas que se entrecruzan o experimental, o ensaístico e o observacional, a través das creacións de Ursula Biemann, Keina Espiñeira, Bouchra Khalili, Xisela Franco e Anxela Caramés.
O seminario conta tamén co apoio da Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela e co da asociación Xornalistas Galegas
Inscríbete!
PROGRAMA II CO(M)XÉNERO. MULLER NAS ESTREMAS
16.15 h | Recepción
16.30 h | Presentación do Seminario. Margarita Ledo Andión e Marta Pérez Pereiro (Universidade de Santiago de Compostela)
16.45 h | Unha cámara só para ela: A construción de identidades a través do cinema | Ana Catarina Pereira (Universidade da Beira Interior)
18,00 h | Pausa
18.15 h | Soft monies/Hard realities: xénero, tecnoloxía e fronteira nos video-ensaios de Ursula Biemann | Elena Oroz (Universidad Carlos III de Madrid/Centro TAI -Universidad Rey Juan Carlos)
19.30 h | Saída
Información sobre as relatoras
Margarita Ledo Andión. Doutora en Ciencias da Comunicación pola Universidade Autónoma de Barcelona e profesora Catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. É coordinadora do Grupo de Investigación Estudos Audiovisuais (Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia), no que dirixe o proxecto I+D+I Patrimonio Cultural Inmaterial: Para un programa europeo de subtitulado en linguas non-hexemónicas (AEI, Ref. CSO2016- 76014-R). Nas súas liñas de pesquisa traballa a produción e acceso a bens culturais dende a diversidade e as políticas de comunicación e as teorías feministas nos universos de creación e a expresión. Entre as súas publicacións máis recentes arredor do xénero destacan os artigos “Diáspora en feminino” na revista Cinema e Território (2018) “Acciones (in) diferentes, tensiones latentes. A propósito de feminismo y novo cinema galego” en IC, Revisa Científica de Información y Comunicación (2016), ou “El cuerpo, esa insoportable lengua comunal” no volume El tratamiento informativo de la violencia contra las mujeres (Sociedad Latina de Comunicación Social, 2015). Presidiu a Federación Lusófona de Ciências da Comunicação (LUSOCOM), foi Vicepresidenta primeira da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) é Vicepresidenta da Asociación Iberoamericana de Comunicación (IBERCOM) e Presidenta de Honra da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM), amais de membro da Real Academia Galega. Pertence ao consello editorial de publicacións científicas como Telos, Chasqui, Discursos fotográficos, Infoamérica, L’ Atalante, Quaderns do CAC, Revista Latinoamericana de Comunicación, Trípodos, Uztaro, Comuniació ou AdComunica.
Marta Pérez Pereiro. Docente e investigadora na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Santiago de Compostela (USC). Doutora pola mesma universidade, a súa actividade investigadora céntrase nos pequenos cinemas, entre eles o galego, e o humor en distintas manifestacións da vida social. É membro do Grupo de Investigación Estudos Audiovisuais (Comunicación audiovisual: contidos, formatos e tecnoloxía GI. 1786), do Centro de Estudos Fílmicos (CEFILMUS) e do Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE), todos eles da USC.
Entre as súas publicacións, destacan os artigos ‘Getting the mob angry: The satire of Masa Enfurecida as political incorrectness in social networking’ (2017) para a revista Humor, ‘Cine europeo en linguas de nacións sen estado e pequenas nacións’ (2016) , en co-autoría con Margarita Ledo Andión e Antía López Gómez para a Revista Latina de Comunicación Social e ‘The public and the journalists’ views on the humoristic treatment of religion in Spain’ (2014), en co-autoría con Montse Figueras Maz e Marcel Mauri Ríos, publicado no Journalism & Mass Communication Quarterly. Entre as últimas publicacións arredor do xénero, destácase o artigo ‘Arqueoloxía(s) do saber. A crítica feminista dende as súas orixes á actualidade’(2018), para a revista dixital de crítica cinematográfica A cuarta parede, e resultado da súa intervención como relatora no Seminario de Crítica Feminista do Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (2018).
Ana Catarina Pereira. Docente na Universidade da Beira Interior e doutora en Ciencias da Comunicación, na vertente Cinema e Multimedia, pola mesma universidade. Desde 2017 é directora da licenciatura en Ciencias da Cultura.
Investigadora do centro LabCom.IFP, é licenciada en Ciencias da Comunicación pola Universidade Nova de Lisboa e mestrada en Dereitos Humanos pola Universidad de Salamanca. É autora dos libros A Mulher-Cineasta: Da arte pela arte a uma estética da diferenciação (2016) e do Estudo do Tecido Operário Têxtil da Cova da Beira (2007). Co-organizou as obras Filmes (Ir)refletidos (2018) e UBICinema 2007/2017 (2017), con Luís Nogueira; Geração Invisível: Os novos cineastas portugueses (2013), con Tito Cardoso e Cunha; e Colectânea de Poesia – Poetas do Fundão, entre outras. É autora de artigos científicos publicados en revistas nacionais e internacionais. Ofreceu conferencias, accións de formación, workshops e masterclasses em Brasil, España, Reino Unido e Suecia, entre outros países. Traballou varios anos como xornalista e colaborou con cabecerias como Notícias Sábado e Notícias Magazine (Diário de Notícias), Jornal I, Revista Focus, entre outras. Foi co-fundadora e directora da revista online Magnética Magazine. É regularmente convidada para comisariar exposicións e ciclos de cinema, e é unha das fundadoras da Conferência Internacional de Cinema e Outras Artes, realizada anualmente, na Universidade da Beira Interior. Os seus intereses de investigación inciden en estudos feministas, estudos fílmicos, estudos culturais, pedagoxía nas artes, cinema portugués e outras cinematografías minoritarias. Xestiona o site Universal Concreto, onde publica regularmente información sobre o seu traballo: https://www.universalconcreto.org/
Elena Oroz. Doutora en Comunicación por la Universitat Rovira i Virgili de Tarragona e mestrada en Teoría e Práctica do Documental Creativo pola Universitat Autònoma de Barcelona. É profesora asociada da Universidad Carlos III de Madrid e docente do Centro Universitario TAI (Taller de Artes Imaginarias) , adscrito á Universidad Rey Juan Carlos. As súas áreas de estudo son o documental, os estudos de xénero e a historia cultural do cinema español. Autora de numerosos artigos e capítulos de libro dedicados ao documental e ao cinema realizado por mulleres, ten colaborado con revistas como Scope, Travelling, Cahiers du Cinema – España, Caimán Cuadernos de Cine, La Vanguardia, numerocero.es, Archivos de la Filmoteca e Secuencias. Revista de Historia del Cine. É co-editora dos libros Lo personal es político. Documental y feminismo / The personal is political. Documentary and Feminism, con Sophie Mayer, e La risa oblicua. Tangentes, paralelismos e intersecciones entre humor y documental, con Gonzalo de Pedro. Exerce puntualmente como programadora independente e imparte diversos cursos relacionados co cinema documental e experimental. Foi membro do comité de selección do Festival Margenes.org e do Festival Punto de Vista e ten comisariado ciclos para festivais como DocumentaMadrid, Zinebi ou Punto de Vista.
Co-fundadora, co-directora e editora (até marzo 2012) da revista online dedicada á non ficción Blogs&Docs (www.blogsandocs)
26/03/2019Visionado 1. Facultade de Ciencias da Comunicación
Data de inicio: 12/11/2018Data de fin: 15/11/2023I.P.: Margarita Ledo AndiónInvestigadores participantes: María Soliña Barreiro