Cinema familiar e emigración: imaxe, reconstrución e memoria
O cinema familiar constitúe unha moi reveladora ferramenta para indagar no coñecemento visual dun pasado íntimo e persoal, útil para a reconstrución de usos e costumes que axuden a comprender a evolución das sociedades contemporáneas. O noso traballo baséase na consideración do emprazamento nuclear que este cinema ocupa no universo audiovisual do século XX, tal como asegura Patricia Zimmerman. Para esta autora, a singularidade destes filmes está en que son os propios espectadores quen se fan cargo dos mecanismos audiovisuais. Propoñémonos a análise dunha peza audiovisual que permita abordar en toda a súa complexidade un fenómeno histórico-social moi concreto: a emigración española na segunda metade do século XX e como, nela, se xestionou a memoria familiar ou a reconstrución do pasado a través da imaxe.